O proceso electoral para renovar a dirección de Podemos Galiza revive as desavinzas

Carolina Bescansa afirma que non quer entrar en “provocacións” e Gómez-Reino advirte que Galiza non pode ser “o plan B de ninguén”

Errejón, Pablo Iglesias, Carolina Bescansa. Vistalegre 1.

A vertixe volve instalarse nun proceso interno de Podemos. En apenas unhas horas, propostas para liderar o partido en Galiza entrelazábanse con 'desautorizacións' desde Madrid e indirectas máis ou menos veladas. Como dando a impresión de que as vellas diferenzas e feridas aínda están aí.

Carolina Bescansa compareceu esta segunda feira en Compostela. Non anunciou nada máis aló do que o día antes, domingo, expresara no seu twitter: que se sentía honrada pola proposta (realizada pola dirección actual) para que lidere Podemos Galiza e que ía pulsar o sentir das bases.  Mais tamén dixo algo máis: que non ía entrar en “provocacións persoais”, unha frase dirixida a Pablo Iglesias, que nunha entrevista en La Sexta dixera que lle sorprendía que ela queira dirixir o partido en Galiza “cando leva 20 anos en Madrid” .

Bescansa pediu que non se fixera das primarias un lugar para situacións de confrontación interna e anunciou que esta terza feira daría a coñecer a decisión de se daba o paso de presentarse ou non ao proceso para liderar Podemos Galiza. Precisa, explicou, tomar o pulso, falar con máis xente.

Quen si vai competir é Antom Gómez-Reino. O deputado de En Marea no Congreso español lanzou esta segunda feira un claro aviso a navegantes: “Galiza non pode ser o retiro dourado nin o plan b de ninguén”. Ao tempo, o congresista daba a Bescansa a “benvida a Galiza”. Xa dixo Iglesias que levaba 20 anos en Madrid. "En Galiza hai moito traballo que facer como para lle chamar retiro dourado", retrucoulle a compostelá.  

Comentarios