Conta atrás en Podemos

Bescansa e Gómez-Reino apelan á participación

Podemos Galicia celebrou este domingo a III Asemblea Cidadá no Pazo de Congresos e Exposicións de Compostela, onde a candidata, Carolina Bescansa, e o candidato, Antón Gómez-Reino, a liderar a formación morada na Galiza chamaron á participación.

[Imaxe: Podemos]
photo_camera [Imaxe: Podemos]

Carolina Bescansa e Antón Gómez-Reino, aspirantes á Secretaría Xeral de Podemos Galicia, asistiron na mañá do domingo á III Asemblea Cidadá da formación morada, que tivo lugar no Pazo de Congresos de Compostela, onde estaban instaladas as urnas para a votación presencial. Ambos os candidatos e centos de persoas inscritas depositaron o seu voto, se ben a participación a través de internet estará aberta até a quinta feira.

Nos seus respeitivos discursos, Bescansa e Gómez-Reino chamaron á participación en aras de lograr unha organización “forte e de futuro”. En declaracións aos medios, Bescansa salientou o carácter feminista da súa candidatura e informou de que a prioridade pasa por “transformar o modelo produtivo galego” para mudar o “mercado de traballo” e que a xente non teña que emigrar.

Bescansa sinalou que Podemos ten a “responsabilidade” de liderar o cambio na Galiza, co apoio das “forzas irmás”, en alusión ás formacións que integran En Marea.

Pola súa banda, Gómez-Reino afirmou que “as bases” reclamaban o cambio en Podemos Galicia, un partido que debe saber “construír maiorías sociais”. Expresou ademais o desexo de que o proceso de primarias “enriqueza a organización” para botar, “Feixoo e o PP da Xunta”.

Entre as persoas que asistiron á III Asemblea de Podemos Galicia atopábanse a secretaria xeral saínte, Carmen Santos, a deputada no Congreso Ángela Rodríguez e as deputadas no Parlamento galego Paula Quinteiro, Marcos Cal e Luca Chao.

Comentarios