É UNHA DAS FUNDADORAS DO PARTIDO

Bescansa fecha a porta a que a Marea galega, indo con Podemos, teña grupo parlamentar propio

A galega Carolina Bescansa, unha das fundadoras de Podemos, ve “imposíbel” que a Marea galega, se concorre ás eleccións xerais co partido de Pablo Iglesias Turrión, posúa grupo parlamentar propio no Congreso.

Carolina Bescansa
photo_camera bescansa-crop

Tan só un día despois do Encontro cidadán por unha Marea Galega, Carolina Bescansa (Compostela, 1971) considera “imposíbel” que a Marea galega, de concorrer ás eleccións xerais con Podemos, partido do que é fundadora, conte cun grupo Parlamentar de seu. Así o recoñece nunha entrevista publicada hoxe por Faro de Vigo.

Na conversa co xornalista Daniel Domínguez, Bescansa sinala que “desde o punto de vista regulamentario non é posíbel” un grupo parlamentar propio se Podemos forma parte da Marea galega. “Esa reivindicación é moi difícil de cumprir”, sinala. Malia que fecha a porta a un grupo parlamentar propio, amósase optimista, “sería pouco responsábel non poñerse de acordo en termos de estratexia electoral”.

Á pregunta sobre se Podemos ofrecería un espazo de funcionamento autónomo no Congreso á Marea galega, Bescansa responde que “habería que ver como se materializa esa demanda”. “Cando se xera un clima de confianza mutua, hai moitas formas, formais ou informais, de chegar a acordos”, engade a responsábel de Podemos, que advirte da présa para concretar un acordo que considera “posíbel”.

Bescansa considera "irrenunciábel" o nome de Podemos na papeleta

As declaración de Bescansa, que ve “irrenunciábel” que a papeleta leve o nome de “Podemos”, contraveñen as liñas de debate do Encontro cidadán por unha Marea Galega, que tivo lugar onte en Compostela. Nesta xornada, acordouse que as bases dunha futura candidatura unitaria deben permitir “abrirse máis e non fechar”. O propio Gonzalo Rodríguez, un dos promotores do encontro, declaraba ante os medios de comunicación que a posíbel integración de Podemos na candidatura unitaria debería darse “exactamente nas mesmas condicións” que as mareas.

Comentarios