"O ACORDO DE ANOVA CON PODEMOS é O ABRAZO DO OSO. E O OSO é PODEMOS"

Beramendi: "En Marea é un mal camiño para a supervivencia do nacionalismo"

Nunha entrevista co ABC, o historiador Xusto Beramendi cre que a única opción de futuro do nacionalismo pasa por "se refundar radicalmente todo el" nun "movimento" que remita ao Partido Galeguista de Castelao ou ao primeiro BNG.

Xusto Beramendi
photo_camera Xusto Beramendi. Foto: AELG

Xusto Beramendi (1941) -historiador con varios libros sobre o nacionalismo galego no seu currículo e autor de De provincia a nación. Historia do nacionalismo galego,  volume co que gañou o Premio Nacional de Ensaio (2008)- entra nunha entrevista co ABC a avaliar o momento que vive o soberanismo galego após o 20D e coa vista posta no actual proceso en curso no BNG.

Baixo o seu ponto de vista, o nacionalismo ten hoxe perante si "dúas opcións". A primeira sería a de "refundarse radicalmente todo el nun movimento que, salvando as distancias, poda asemellarse á fundación do Partido Galeguista ou inclusive á fundación do propio BNG, mais con criterios moi diferentes". A segunda sería a de que "unha parte se una ás mareas e a outra fique coa bandeira ergueita, mais cada vez con menos soldados". Beramendi só lle ve futuro á primeira opción, "aínda que haxa que pasar anos de travesía no deserto".

O escenario da integración nas Mareas non a aconsella do ponto de vista da preservación do nacionalismo. "Non cabe dúbida de que o abrazo de Anova con Podemos é o abrazo do oso, e se alguén non o ten claro, o oso é Podemos".

Beramendi critica o BNG por ter posto o acento no soberanismo: "Ten habido unha certa fuxida cara adiante e intento de mimetismo con Catalunya"

Perguntado a respeito de se unha eventual entrada do BNG nas Mareas podería constituír un "erro histórico", Beramendi responde: "En Marea, tal e como se formou, é un mal camiño para a supervivencia do nacionalismo, e niso non coincido co meu amigo Beiras. Falo do ponto de vista do nacionalismo, se callar é un instrumento moi útil para unha transformación da sociedade. Non o sei".

Na entrevista Beramendi tamén achega os seus pontos de vista sobre a situación do BNG após o 20D. Lembra que no seu momento "cando o BNG estaba na cúspide" [reférese ao período en que a formación frentista (1997-2005), foi segunda forza no Parlamento galego] el xa chamara a atención sobre "que no deseño do partido había unha serie de elementos que podían funcionar como unha bomba de reloxaría a meio prazo, como o excesivo dominio da UPG na súa estrutura ou o facto de que fose unha formación nidiamente de esquerdas nunha sociedade que non o era tanto".

Critica Beramendi tamén o acento que nos últimos tempos o BNG ten posto no soberanismo: "Creo que ten habido unha certa fuxida cara adiante e un intento de mimetismo con Catalunya. Mais Galiza non é Catalunya e isto que parece unha obviedade algúns aínda non o saben".

Comentarios