Beiras: "Se eu fose Paula Quinteiro, pediría desculpas á policía local e logo demitiría"

Beiras volta a saír en apoio de Luís Villares, En declaracións á Radio Galega, afirmou textualmente: "Se eu fose Paula Quinteiro pediría desculpas, tamén á policía local, e logo demitiría. Pero é imposíbel que eu fose Paula Quinteiro, coa miña traxectoria, e facer o que ela fixo".

02Beiras010416

Beiras si pensa -como a Coordenadora de En Marea- que a parlamentar da confluencia Paula Quinteiro debería renunciar ao seu escano.

Para o veterano dirixente, a deputada -militante da corrente Anticapitalistas de Podemos- "cometeu un disparate".

Antes de Paula Quinteiro dar explicacións perante o Consello das Mareas -cousa que foi instada a facer pola Coordenadora da confluencia-, Beiras dá por boa a versión contida no atestado policial sobre os feitos acontecidos nunha rúa de Compostela na madrugada entre o sábado e o domingo.

A posición adoptada neste confito polo líder histórico de Anova contrasta poderosamente coa postura de Martiño Noriega, alcalde de Compostela, quen -sen deixar de dar o seu aval á actuación da policía local- optou por desdramatizar e restar importancia ao incidente.

Comparecencia de Carmen Santos

Este xornal tentou falar esta quinta feira con Paula Quinteiro para saber que pensa facer perante a petición de demisión que lle formula a coordenadora de En Mare , mais a parlamentar declinou realizar declaracións. Quen si as fará é a secretaria xeral de Podemos Galiza, Carmen Santos: está prevista a súa comparecencia perante os meios ás 16 horas en Boiro.