Orzamentos do Estado

Beiras xustifica a Fernán-Vello: “Votou coa mente limpa e co corazón onde debe estar: abaixo e á esquerda”

Xosé Manuel Beiras sae en defensa das deputadas e deputados de En Marea-Podemos que desoíron a chamada da dirección e votaron a favor dos orzamentos xerais do Goberno de Pedro Sánchez. O cofundador de Anova emprega as súas redes sociais para xustificar o si de Miguel Anxo Fernán Vello.

Beiras
photo_camera Beiras

“Miguel Anxo Fernán Vello votou coa mente limpa e co corazón onde debe estar: abaixo e á esquerda: contra Atila”. Así se pronunciaba na tarde da quinta feira Xosé Manuel Beiras en relación á nova polémica que xurdiu en En Marea logo de que catro das súas deputadas e deputados no Congreso desoísen a directriz da cúpula do partido instrumental e votasen a favor das contas do Goberno de Pedro Sánchez.

Beiras engadía na súa conta de Twitter que “Con Atila a piques de volver aniquilar as nosas liberdades cívicas, sociais e nacionais disque a ‘aldraxe a Galiza’ non é abrirlle as portas ao monstro, senón uns cartos a faltar nos orzamentos españois. Popularmente chámaselle a iso ‘confundir o cu coas témporas’.

Non tardou en responderlle a deputada Alexandra Fernández, a única que, tal e como ditaminara o Consello das Mareas, votou contra as contas do Goberno central. “Se a posición era votar os orzamentos a calquera prezo o honesto tería sido dicilo desde un inicio e non enganar a xente. O incomprensíbel é que se obvie que estes orzamentos caen porque o PSOE decidiu seguir a axenda da extrema dereita, negándose a negociar co bloque progresista”, contestáballe a noutrora pupila do veterano político.

A conversa non ficou aí. Beiras retrucoulle a Alexandra Fernández con sorna, “Aluméame na miña escuridade, oh Kalikatres sapientisimo: de cal PSOE falas, o do goberno de Sánchez, tan apouvigado el, ou o do felipismo esquirol, alistado no golpismo facha-trumpetista acó como en Venezuela?

Nunha entrevista publicada por Sermos Galiza esta quinta feira, a deputada de En Marea lamentaba a supeditación das deputadas e deputados galegos aos intereses de Podemos e censuraba que Yolanda Díaz, Miguel Anxo Fernán Vello, Antón Gómez Reino e Ángela Rodríguez votasen a favor duns orzamentos “inaceptábeis” para Galiza, sabendo ademais que “xa se sabía que os orzamentos non se xogaban polos votos da Marea. Era público e notorio o sentido do voto dos cataláns. Mesmo xa por unha cuestión táctica ou estética, os compañeiros podían ter mantido o non”.

Desde a lea producida no seo de En Marea a raíz do proceso de eleccións internas, Beiras non se pronunciara a favor de ningún dos sectores. Hoxe fíxoo posicionándose da parte crítica coa dirección actual, encabezada por Luís Villares.

Comentarios