CONFERENCIA POLíTICA DE ANOVA

Beiras di que ningún partido pode pretender protagonizar a confluencia na Marea

O portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, pediu “xenerosidade” e “solidariedade” para consolidar a confluencia de En Marea, co fin de construír “un suxeito político propio”.

[Imaxe: ollododia] Conferencia Política de Anova
photo_camera [Imaxe: ollododia] Conferencia Política de Anova

Nun receso da Conferencia Política de Anova que está a ter lugar este domingo na Coruña, Beiras sinalou que a formación aposta na “consolidación da confluencia que desemboque na configuración dun suxeito político propio que combine a expresión da cidadanía, enmarcada nas organizacións políticas que avogamos polas mareas”.

“É necesaria, absolutamente a xenerosidade e a solidariedade de todos os actores a favor da unidade popular”

A este respeito asegurou que “ningún” dos tres partidos que forman a coligazón En Marea –a propia Anova, Podemos e IU- poden pretender o “protagonismo” do proceso. “É necesaria, absolutamente a xenerosidade e a solidariedade de todos os actores a favor da unidade popular”, da que dixo que non é “unha fronte de partidos”.

Neste sentido, apostou nos “procesos de mestizaxe” e explicou que aínda que entre Anova e outras forzas con proxecto estratéxico deseñado a nivel estatal “pode haber unha combinación dialéctica” que “resolva o duplo problema da nación galega”, en alusión á soberanía e á defensa da esquerda social.

Relación con Podemos

Preguntado por se a chamada á xenerosidade tiña a ver con Podemos, Beiras deu conta da conversa telefónica que mantivo a pasada quinta feira con Pablo Iglesias. Unha conversa na que falaron das “distorsións”, dos “defectos de funcionamento” e da “falta de axilidade” á hora de chegar a “acordos unánimes e consensuados”. Sinalou que estes non se deberon a “discrepancias entre direccións”.

O portavoz nacional de Anova cargou contra “moitas cousas que se están dicindo en medios de comunicación convencionais”, uns comentarios que “non son máis que lixo e moi contaminantes”.

Comentarios