ELECCIóNS GALEGAS

Beiras: “Sería estúpido dicir non, non, non vou ser candidato”

O dirixente de Anova, que esta semana fai 80 anos, considera a súa candidatura pouco verosímil, mais non a desbota por enteiro.

02Beiras010416
photo_camera [Imaxe: RG]

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, Xosé Manuel Beiras non desbotou a posibilidade de ser el a persoa que encabece a candidatura que se estruture arredor de En Marea ás eleccións galegas deste ano. Así, sinalou que vive o “epílogo” da súa vida política, mais advertiu de que “o epílogo dunha obra pode ser máis longo que calquera outro capítulo”.

Lembrou, a continuación, que na política institucional xa dera por descartada a súa presenza nas eleccións galegas de 2012 –ás que finalmente concorreu á cabeza da listaxe de AGE- porque houbo “unha serie de razóns que me presionaron para facelo”. Nesta ocasión, asegura que non sería “verosímil” situarse como candidato de En Marea á Xunta”.

"Podería cometer unha irresponsabilidade cos electores se non podo asumir ao que me comprometo con eles"

“Podería cometer unha irresponsabilidade cos electores se non podo asumir ao que me comprometo con eles”, afirmou en alusión ás súas “capacidades físicas e enerxías” -o día 7 de abril fai 80 anos-. Porén, engadiu que “non dou as cousas por certas”. Así, salientou que “en todo proceso social hai un compoñente aleatorio moi grande. Sería estúpido dicir non, non, non vou ser candidato”.

Tamén recoñeceu que erixirse como candidato contribuiría á unidade: “a cuestión é que hai moita xente que di que Beiras sería asumido como candidato por todo o espectro amplo da esquerda plural. Sería factor de unidade, e iso si que é certo”.

Beiras, sobre a integración do BNG en En Marea: "Se un non quere, dous non casan"

O portavoz de Anova explicou que En Marea traballa por ampliar a candidatura das eleccións galegas ás mareas e candidaturas municipalistas. Sobre o BNG, apuntou que “está por ver que o queira, pero se un non quere, dous non casan”. “Se eles persisten na liña de non querer saber nada de forzas non estritamente nacionalistas que recoñecer Galiza como nación, isto é, como suxeito político, saberán o que fan”, engadiu.

Preguntado pola convivencia no seo de En Marea, respondeu: “a longo prazo, todos calvos, dicía Keynes”. “Do que se trata é de artellar toda aquela pluralidade contra o inimigo común”, expuxo.

Comentarios