ANA PONTóN, PORTAVOZ NACIONAL DO BNG E CANDIDATA á XUNTA

“Se Beiras rompe con Podemos, mañá mesmo temos unha candidatura de unidade nacionalista”

Máis unha vez, a portavoz nacional do BNG e candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, apelou á unidade do nacionalismo. Advertiu de que “se Beiras rompe con Podemos mañá mesmo temos unha candidatura de unidade nacionalista”.

AEntrevistaAnaPontn010516

Nunha entrevista emitida este domingo pola Radio Galega, Ana Pontón salientou que “a unidade do nacionalismo é importante para o futuro de Galiza”. No marco destas declaracións, cualificou de “erro estratéxico” que organizacións que se din nacionalistas "se dilúan en forzas de ámbito estatal”.

Neste contexto, a portavoz nacional e candidata do BNG puxo de manifesto que “se Anova, se Beiras, rompen con Podemos. mañá mesmo temos unha candidatura de unidade nacionalista”. Sinalou que o Bloque está traballando “con outras organizacións do ámbito de Nós Candidatura Galega para conformar esa alternativa porque cremos que o nacionalismo é vital para Galiza”.

"Galiza non pintou nada no Congreso"

Ana Pontón sinalou que a ausencia do BNG no Congreso deixou Galiza sen voz. “Galiza non pintou nada”, lamentou. Sobre o que considerou un “teatriño” que tivo lugar nos últimos meses, salientou que “houbo máis interese en xustificar quen era o responsábel de que non houbese acordo que no propio acordo”.

Na mesma liña, a nacionalista sinala que “os que fracasaron nas negociacións non deberían volver presentarse”. Preguntada a respeito do feito de que En Marea non puidera constituírse como grupo propio, Ana Pontón lembrou que o BNG xa o advertía, “o que nós dixemos antes das eleccións xerais verificouse. Co regulamento vixente no Congreso, se Podemos formaba parte da candidatura non ía haber grupo propio e ao final verificouse o que dixo o BNG”. Porén, enfatizou que “a nós o que nos importa é poñer sobre a mesa as nosas propostas”.

"Ábrese a oportunidade de recuperar a representación nacionalista que defenda Galiza con voz propia"

Perante a inminente convocatoria de eleccións xerais, Ana Pontón subliñou que se abre “unha nova etapa” na que existe a oportunidade de “recuperar a representación nacionalista que defenda Galiza cunha voz forte e sen ataduras nin dependencias”.

A candidata á presidencia da Xunta foi moi crítica con Feijóo, ao que instou a convocar as eleccións galegas xunto coas xerais. Porén, afirmou que desde o seu punto de vista “Feijóo non quere poñerse ao lado de Rajoy, non lle interesa a sombra de Rajoy”. E engadiu que “aos galegos non lles interesa nin Rajoy nin Feijóo”.

Comentarios