Nunha entrevista emitida este domingo pola Radio Galega, Ana Pontón salientou que “a unidade do nacionalismo é importante para o futuro de Galiza”. No marco destas declaracións, cualificou de “erro estratéxico” que organizacións que se din nacionalistas "se dilúan en forzas de ámbito estatal”.
Neste contexto, a portavoz nacional e candidata do BNG puxo de manifesto que “se Anova, se Beiras, rompen con Podemos. mañá mesmo temos unha candidatura de unidade nacionalista”. Sinalou que o Bloque está traballando “con outras organizacións do ámbito de Nós Candidatura Galega para conformar esa alternativa porque cremos que o nacionalismo é vital para Galiza”.
"Galiza non pintou nada no Congreso"
Ana Pontón sinalou que a ausencia do BNG no Congreso deixou Galiza sen voz. “Galiza non pintou nada”, lamentou. Sobre o que considerou un “teatriño” que tivo lugar nos últimos meses, salientou que “houbo máis interese en xustificar quen era o responsábel de que non houbese acordo que no propio acordo”.
Na mesma liña, a nacionalista sinala que “os que fracasaron nas negociacións non deberían volver presentarse”. Preguntada a respeito do feito de que En Marea non puidera constituírse como grupo propio, Ana Pontón lembrou que o BNG xa o advertía, “o que nós dixemos antes das eleccións xerais verificouse. Co regulamento vixente no Congreso, se Podemos formaba parte da candidatura non ía haber grupo propio e ao final verificouse o que dixo o BNG”. Porén, enfatizou que “a nós o que nos importa é poñer sobre a mesa as nosas propostas”.
"Ábrese a oportunidade de recuperar a representación nacionalista que defenda Galiza con voz propia"
Perante a inminente convocatoria de eleccións xerais, Ana Pontón subliñou que se abre “unha nova etapa” na que existe a oportunidade de “recuperar a representación nacionalista que defenda Galiza cunha voz forte e sen ataduras nin dependencias”.
A candidata á presidencia da Xunta foi moi crítica con Feijóo, ao que instou a convocar as eleccións galegas xunto coas xerais. Porén, afirmou que desde o seu punto de vista “Feijóo non quere poñerse ao lado de Rajoy, non lle interesa a sombra de Rajoy”. E engadiu que “aos galegos non lles interesa nin Rajoy nin Feijóo”.