Arredor de medio millar de militantes elixen Beiras como portavoz nunha asemblea con diferenzas e tensión

Por volta de medio millar de militantes elixiron Xosé Manuel Beiras (1936) como portavoz nacional de Anova, pondo o ramo a unha Asemblea non exenta de momentos "convulsos". Anova apostará na xeometría variábel -distintos socios en cada proceso eleitoral- e a maioría rexeitou unha emenda á totalidade apadriñada por Martiño Noriega en que se defendía darlle carácter estratéxico á alianza con EU.

Foto: @nunegzsc
photo_camera Foto: @nunegzsc

A reelección de Beiras como portavoz nacional de Anova foi a conclusión de dous intensos días de asemblea nacional da organización nacionalista. Por volta de medio milleiro de militantes elixiron por unanimidade ao veterano dirixente, único candidato a este cargo. Unha elección por unanimidade no que constituiu unha das poucas decisións nas que os e as asistentes votaron sen expresar diferenzas.

O propio Beiras, no discurso de clausura, recoñeceu que no transcurso da asemblea se sentiu  “traumatizado” por “algunhas actitudes, poucas, pero algunhas”. Unha frase que moitos relacionaron coa votación “convulsa” (a definición é de Martiño Noriega, de Anova e alcalde de Teo) sobre as listas para elixir a Coordinadora Nacional.

"A nosa alianza é coa cidadanía en rebelión"

“Foi unha batalla entre unha vella garda, aparatchnik que quería manter o postiño, e un gran número de xente que quere outra cousa”, afirmou un militante de Anova nunha conversa de corredor.

Ruxes-ruxes de impugnacións

Mesmo houbo ruxe-ruxe de que ía haber impugnacións da votación gañada polas listas abertas correxidas, “pois hainos que están ben cabreados e queren botar man de que esa decisión tiña que ser adoptada por 2/3”.

As portas aberta, sob a premisa da transparencia, a xornalistas e non militantes da primeira xornada, variou na primeira parte da segunda para volvela recuperar ao final

O certo é que, eleito o portavoz nacional, aínda non se coñecían os resultados das votacións para elixir os 75 integrantes da Coordinadora Nacional. Órgao, por certo, que en vindeiras asembleas será o encargado de elexir o portavoz nacional. Nesta, foi a militancia directamente por aclamación.

Proxecto estratéxico

No discurso de clausura, Beiras defendeu que “non se pode crear unha nova cultura política obviando a tradición da loita de clase, pola liberación nacional e os dereitos civís”. Falou de “esquerda rupturista” e “proxecto estratéxico”.

“O proxecto estratéxico de Anova é o proxecto para o nacionalismo galego de esquerda que se está a abrir e que pecha o anterior, aberto desde a transición. É un proxecto para todo un pobo, de longa duración”, afirmou o novo voceiro nacional.

Teses

A tese política -en que se defende que Anova, a partir da experiencia de AGE, poderá mudar de socio en cada convocatoria eleitoral- foi aprobada por unha ampla maioría, após un debate de máis de tres horas e nas que se abordaron medio cento de emendas. Tivo 346 votos a favor por menos de 30 que optaron polo non ou a abstención. A emenda á totalidade presentada por Anova-Teo foi rexeitada, mais algunhas das cuestións que propuña si que se plasmaron transaccionadas. A alternativa apadriñada por Martiño Noriega partía de que toda política de alianza debería realizarse desde o reforzamento do acordo con Esquerda Unida.

Ademais, e no que atinxe á tese organizativa, esta saíu adiante xa o sábado, aínda que con máis oposición. Tivo 277 votos a favor por 149 en contra e 29 abstencións. Había diferenzas importantes entre “novas e vellas concepcións de facer política”, como sinalaba un militante, diferenzas, que seplasmaron en cuestións organizativas.

De madrugada déronse os nomes dos electos para Coordinadora Nacional. Podedes consultalos aquí

Comentarios