MUNICIPAIS 2015

Beiras preferiría a Noriega como candidato á Xunta antes que na alcaldía de Compostela

O voceiro nacional de Anova ve no xa ex-alcalde de Teo ao futuro presidente galego, inda que matizou que será un “espléndido” rexedor, nunha entrevista na Radio Galega.

Xosé Manuel Beiras
photo_camera Xosé Manuel Beiras


Xosé Manuel Beiras preferiría que Martiño Noriega fora o candidato a presidente galego e non á alcaldía de Santiago de Compostela. Así o manifestou o voceiro nacional de Anova este domingo nunha entrevista para a Radio Galega. “Ó mellor en termos políticos interesaríame máis que se deixase de ser alcalde de Compostela”, dixo, inda que matizou “que sería un espléndido alcalde”.

Beiras considera que o papel de Anova debe ser secundario nas municipais e mostrouse aberto a pactos.

Sobre a situación de Anova fronte ás municipais, Beiras dixo que o papel da formación será secundario. “Hai que deixar á cidadanía civil e nós contribuír. A nosa militancia integrouse nas Mareas, pero non para convertelas en caixas de resonancia de Anova”, asegurou.

Sobre posíbeis pactos electorais, mostrouse aberto. “Se apostamos por frontes amplas antes das eleccións, é porque queremos fomentar as alianzas. Mais sobre compromisos determinados”, afirmou Beiras. 

"O Parlamento galego non existe"

Tamén falou do nacionalismo galego, que considera que está en “descomposición” porque “temos o síndrome do colonizado”. Fixo referencia a que “permitimos que desaparecera o Parlamento, que non existe como concepto, porque o PP conseguiu recuperar o partido único”, e que “en vez de rebelarnos, estamos domesticados, pero a cidadanía non, que será quen rache con este réxime podre”.

Preguntado pola súa relación con Pablo Iglesias, o voceiro de Anova dixo que “agora que é unha figura estelar é difícil vernos”. Criticou a estratexia de Podemos “que se foi afastando dunha liña rupturistas para ser o relevo do PSOE”. 

Pola súa banda, Martiño Noriega delegou este sábado a alcaldía de Teo no primeiro tenente de alcalde, mais negouse a renunciar ao cargo para evitar que o BNG goberne no municipio compostelán. Unha cuestión que foi criticada pola fronte nacionalista, que acusou a Noriega de “aferrarse ao cargo”, un feito que cualificou como “propio da vella política”.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Comentarios