Antón Sánchez, coordenador de Anova

"Beiras, portavoz de En Marea? Beiras pode ser o que el queira"

En Marea ten por diante aínda dúas tarefas orgánicas: a escolla da súa Coordenadora Nacional (executiva) e a designación das persoas que ocuparán as súas portavocías (dúas mulleres e un home). Este domingo, Antón Sánchez, parlamentar da confluencia e coordenador de Anova, avalou a hipótese de unha desas portavocías ir para Beiras.

Antón Sánchez, esta mañá, na sede de AGE no Parlamento de Galiza. Foto: Irene Pin
photo_camera Antón Sánchez. Foto: Irene Pin

Na entrevista dominical de Radio Galicia Cadena Ser, o tamén parlamentar de En Marea no Pazo do Hórreo respondeu así unha pergunta da xornalista Aida Pena sobre as opcións de Beiras a ocupar unha das portavocías da confluencia: "Beiras pode ser o que el queira. Eu creo que si. Eu non sei se iso [ser portavoz] está sobre a mesa ou non. Beiras vai xogar o papel que el queira. Eu sempre lle digo que no me gusta meterlle presión. Mais Beiras pode ser o que el queira.  É un premio para todos nós. Leva moito pelexado, ten 80 anos e é un referente non só para Anova, senón para todo o espazo da unidade popular".

En todo caso, salientou que a decisión sobre quen asume as portavocías a debe tomar o Consello das Mareas e lembrou que el non pertence a ese órgao.

Antón Sánchez tamén se pronunciou sobre se Luís Villares debe ser o líder de En Marea no futuro. "Si, eu creo que si. Candidato nas próximas eleccións? Si, claro, sería sinal de que todo vai ben", dixo.

A respeito de se o tipo de oposición que realizan no Parlamento galego é menos contundente que na época de Beiras como portavoz, argumentou que "estamos sendo contundentes, non sei se iso se transmite ou non, mais si que o somos, somos unha alternativa radical ao sistema e ao réxime".

Si que concedeu que o rexisto de Villares é distinto do de Beiras. "Os perfís persoais non se poden modificar. Nós non actuamos. Somos como somos", dixo. A mudanza é só de estilo, non de fondo político, que continúa a ser claramente alternativo: "O sistema e o réxime provocan inxustizas. Nós o que pretendemos é utilizar as institucións para retroalimentar a rebelión cívica. As institucións como instrumentos úteis para o mudar todo", engadiu, tendo claro que "o primordial é a mobilización na rúa" pois "os cambios veñen cando a sociedade civil vai por diante".

E sobre o factor de instabilidade que introduce Podemos ao condicionar a continuidade en cada proceso eleitoral da fórmula de En Marea á decisión das súas inscritas e inscritos, Antón Sánchez reflicte nestes termos: "Temos que cohesionarnos cada vez máis. Este [a confluencia] é un auténtico cambio na política galega e fixémolo en moi pouco tempo. Temos que aproveitar a vantaxe que nos dous próximos anos non hai eleccións por diante para construír o proxecto para abaixo e darlle máis estabilidade", dixo, ao tempo que reivindicou que "as diferenzas para min son un valor". "Os conflitos e os debates non me sorprenden, son normais", avaliou.

Responden os alcaldes das Mareas ás expectativas?

"Si, o que pasa é que sabíamos que non era un labor fácil. Quen coñece os concellos por dentro sabe o que custa vencer algunhas inercias", dixo e argumentou a seguir que "non todos os alcaldes teñen as mesmas facilidades e basta ver como reaxen determinados poderes fácticos afeitos a teren aliados nos despachos" e que agora se revolven contra gobernos que "non teñen ningunha hipoteca".

Nese sentido, fixo un chamado ás bases de En Marea a que sexan comprensivas e a que teñan en conta as dificuldades ás que se enfrontan os alcaldes da confluencia: "Cando desde o noso lado analisamos as actuacións dos alcaldes, dos seus gobernos e das mareas que os sustentan temos que saber que é unha batalla difícil e que necesitan o noso apoio".

Comentarios