Eleccións xerais

Beiras pon a “esquerda social” por riba de calquera partido “de ámbito galego ou estatal”

Coincidindo coa reunión da coordinadora de Anova, o coportavoz da formación, Xosé Manuel Beiras, puxo por diante de calquera organización política "de ámbito estatal ou galego" a "esquerda social".

[Imaxe: @danicondeGz]
photo_camera [Imaxe: @danicondeGz]

Logo dunha reunión da coordinadora de Anova, o coportavoz da formación, Xosé Manuel Beiras, puxo de manifesto que a “esquerda social” debe estar “por riba” de calquera partido “de ámbito estatal ou galego”. Neste sentido, avogou por poñer o pobo galego “por diante e por enriba das condicións ideolóxico políticas de cadaquén”.

Beiras apelou á responsabilidade das organizacións políticas para artellar “un suxeito político galego” de cara ás eleccións xerais e diante do “proceso de ruptura” que está a ter lugar na sociedade. “Quen non estea disposto a saltar os marcos da súa finca, sexan as mareas, que non sexan quen de artellar unha marea galega; sexa Podemos, que intente imponer unha estratexia a nivel estatal; ou sexa o BNG, que queira ser outra vez protagonista do nacionalismo galego, será responsábel”, insistiu.

O coportavoz de Anova, que anunciou que a formación participará na xuntanza convocada para o día 12 en Compostela para avanzar no proceso de candidatura unitaria, afirmou que a coordinadora da organización acordou hoxe comezar o diálogo para a elaboración dunhas “bases estratéxicas” e dun “preacordo político previo a calquera acordo electoral”.

Comentarios