Aínda pendente a constitución da executiva

Beiras plantexa unha portavocía orgánica para Villares desbotada nas primarias da Marea

O Documento Político gañador nas primarias da confluencia excluía os portavoces do Parlamento e do Congreso -Luís Villares e Antón Gómez-Reino, respectivamente- como hipotéticos voceiros de En Marea. A pesar diso, Beiras -e o novo colectivo Marea Aberta- continúan a defender a entronización orgánica do ex xuíz.

En Marea Luis Villares Beiras coordenadora
photo_camera Beiras, entre o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, e Luís Villares

As listas apresentadas ás primarias que En Marea realizou en xaneiro debían formular un Documento Político. O que foi proclamado como gañador, ao obter 58,66 por cento dos sufraxios das persoas inscritas, foi o de Máis Alá, a candidatura en que se integraron quer Xosé Manuel Beiras quer Luís Villares. Pois ben, ese Documento Político é taxativo ao respeito dun réxime de incompatibilidades que deixaría fóra Luís Villares -tamén Antón Gómez-Reino- de calquera opción de ser o portavoz orgánico da confluencia.

"Os portavoces de En Marea no Parlamento de Galiza e no Congreso dos Deputados formarán parte, con voz e sen voto, do Consello das Mareas e da Coordenadora, onde non ostentarán nengunha das tres portavocías, que serán ocupadas por dúas mulleres e un home", reza o Documento Político que foi elevado a gañador nas primarias da confluencia, un proceso en que participaron co seu voto un total de 1.565 persoas inscritas (82,2 por cento do censo con direito a sufraxio).

As outras dúas candidaturas -Somos Nós, liderada polo parlamentar de Anova Davide Rodríguez, e Queremos Participar, nucleada arredor de Cerna e coa ex deputada Consuelo Martínez como número 1- si advogaban por que Villares sumase a portavocía orgánica á súa condición de número un do grupo parlamentar no Pazo do Hórreo.

Este sábado, Xosé Manuel Beiras voltou a defender a compatibilidade entre as portavocías parlamentar e orgánica, embora esta ter sido desbotada polas bases da confluencia no referendo das primarias. "O lóxico é que estean conxugados na mesma persoa o portavoz do traballo parlamentar e o portavoz do traballo na sociedade. Porque ademais, a portavocía non é unha secretaría xeral: non hai concentración de poder", argumentou o veterano político de Brión.

Obviamente Beiras non é un máis dentro de En Marea e que a estas alturas continúe a defender a opción de Villares, a despeito do votado e aprobado nas primarias da confluencia, volta a amostrar as tensións que se viven no seo da confluencia, entre os partidarios do ex xuíz e aqueles que -basicamente desde a Marea Atlántica de Xulio Ferreiro e os sectores de Podemos críticos con Carmen Santos- lle teñen posto a proa ao portavoz do grupo parlamentar.

Que a tensión está lonxe de estar resolvida evidénciase tamén na demora na escolla da Coordenadora Nacional, a executiva da confluencia, aínda por designar. O Consello da Mareas, máximo órgao entre plenarios, non se reúne desde o pasado 28 de Xaneiro. Este domingo un novo colectivo da plataforma -Marea Viva- urxiu a súa convocatoria, paso previo para a constitución da dirección.

Dous son os elementos que adían a reunión do Consello das Mareas e empecen a formación da Coordenadora Nacional. Primeiro, o debate sobre o rol de Villares. Segundo, a discusión sobre se se aplicar ou non a proporcionalidade pura á hora da súa constitución. Se se fixer así, a Coordenadora Nacional ficaría con 6 membros para Máis Alá, 3 para Somos Nós e 2 para Queremos Participar. A maioría non estaría neste momento moi disposta a aplicar a proporcionalidade pura. Nos documentos aprobados no Plenario do 17 de Decembro se contempla que se terá en conta a "proporcionalidade", mais o redactado é suficientemente ambiguo como para que iso non signifique unha distribución como a desexada polos sectores críticos (é ben lembrarmos que Queremos Participar xa apresentou no seu día un recurso contra a distribución de postos no Consello das Mareas por considerar que se aplicaron normas eleitorais propias da Lei D'Hont).

A posición de Villares

O portavoz do grupo parlamentar asistiu este domingo á na reunión realizada por Marea Aberta (onde se defendeu a súa opción como voceiro orgánico) e, nunha entrevista no número 230 do semanario Sermos Galiza (19 de xaneiro), relativizaba o valor do Documento Político das primarias no que tiña a ver co seu peculiar status na dirección da confluencia (con voz, mais sen voto): "Non hai nada escrito sobre o tema do direito de voto, dise que estarei con voz e sen voto [no Documento Político] mais nada impide que puidese chegar a telo. En todo caso, as propostas que nós facemos desde a candidatura son propostas. Organicamente non hai ningún artigo que me prohíba estar na coordenadora con voz e voto, polo tanto é unha decisión que asumimos así na candidatura con vocación de que sexa de consenso, pero simplemente é unha proposta eleitoral [para o proceso de primarias]".

Dito doutro xeito, no plano orgánico-estatutario nada impediría que finalmente Villares, segundo a súa propia visión, acabase tendo direito de voto. Se iso fose así, é o que entenden os seus partidarios, a comezar por Beiras e a seguir por Marea Aberta, tampouco hai nada que impida que el poda ser portavoz da confluencia.

O cerne da cuestión, claro, é se esta presión política acabará facendo ceder a Marea Atlántica e sectores de Podemos e talvez tamén de Esquerda Unida (este sábado, Yolanda Díaz evitou pronunciarse sobre a postulación de Villares como portavoz).

Pendentes da asemblea de Anova

A confluencia terá, alén do máis, os ollos postos esta semana na Asemblea Nacional que Anova realizará este sábado en Pontevedra sob o lema de Galiza, no camiño da Unidade Popular.

No relatorio oficial, a formación liderada por Beiras advirte en relación a En Marea: "Pecaríamos de inxenuidade se pensásemos que é unha realidade xa consolidada".

A estas teses, informa Europa Press, un grupo de militantes de Ourense liderados polo parlamentar Davide Rodríguez propón unha emenda de eliminación daqueles parágrafos en que o sector oficial advirte sobre o "paso atrás" que suporía cuestionar o "proxecto estratéxico" de Anova en relación á necesaria converxencia de "nacionalistas e non nacionalistas".

Hai unha outra emenda de relevo, a achegada desde a comarca de O Morrazo, en que se formulan críticas sobre a escasa participación das bases no proceso de toma de decisións e sobre as deficiencias no funcionamento da Mesa de Coordenación que debía rexer o traballo das parlamentares da confluencia no Congreso dos Deputados.

Comentarios