Beiras pide a En Marea que non "interfira" nas marés municipais

Anova valora "positivamente" a proposta de Compostela Aberta para renovar a dirección do partido instrumental. Porén, para Villares "unha mesa de partidos é unha volta atrás, a unha idea de coalición superada en 2016".

Xosé Manuel Beiras e Antón Sánchez (Arquivo)

A Coordinadora Nacional de Anova reuniuse este sábado en Teo, xuntanza coincidente co sexto aniversario da Asemblea Constituínte da Irmandade Nacionalista. "Seis anos moi intensos de aposta na ruptura con este Réxime a través da ferramenta da unidade popular", manifestou Antón Sánchez, portavoz nacional.

Porén, e máis que nestes seis anos, o interese informativo recaída, máis unha vez, en En Marea e máis no concreto nos últimos movementos de procurar dar unha saída á situación de desavinza interna, como a proposta realizada desde Compostela Aberta. Sánchez informou da valoración positiva desa proposta, quer cualificou como "construtiva e de diálogo" e que confrontou cun "inmobilismo" que "só serve para que apodrezan as cousas".

Mais foi Xosé Manuel Beiras o que se expresou con maior contundencia, unha vez finalizada a xuntanza da Coordenadora. Para Beiras, o xerme do espazo de ruptura non está nun patido senón nas alternativas que foron xurdindo a nivel local e comarcal para facer fronte ao PP antes das municipais de 2015. As mareas municipalistas gañaron "nos feudos do poder do Partido Popular" nos que "a cidadanía do común foi protagonista", dixo.

Para a continuidade do proceso é fundamental "redobrar esforzos", enfatizou, na consolidación das mareas municipalistas. E fronte a iso atopa evidencias de que "En Marea non ten claro isto da autonomía municipal" e que practica o partido "interferencias moi graves, coma en Ferrol".

Villares: "Volta atrás"

Luís Villares, portavoz de En Marea, considera que a proposta de Compostela Aberta é "unha mesa de partidos", que é "unha volta atrás, a unha idea de coalición superada en 2016. Así o manifestou este sábado en declaracións á Radio Galega, "Unha mesa ten o problema de poñer uns dentro e outros fóra. Non queremos que ninguén fique fóra. Unha mesa de partidos sería deixar fóra a todas esas persoas que, coma min por exemplo, non temos partido".

Comentarios