Beiras, sobre EU e Podemos: “Teño límites. Hai límites éticos, está claro?”

O portavoz nacional de Anova salientou após que a súa formación “deu exemplo” no proceso de confluencia arredor de En Marea para tratar de manter a “unidade popular”, após recuar na súa esixencia de converter a coligazón nun partido instrumental para tratar de conseguir grupo parlamentar. Porén, Beiras advertiu que tanto Anova coma el teñen “límites”.

Coordinadora Nacional de Anova
photo_camera [Imaxe: Anova] Reunión da Coordinadora Nacional de Anova

En declaracións á prensa durante a reunión da Coordinadora Nacional de Anova en Compostela, Xosé Manuel Beiras salientou o “exemplo” que deu a formación da que é portavoz para manter a “unidade popular” de En Marea de cara ás eleccións xerais. Referíase Beiras, entre outras decisións, á marcha atrás que deu Anova ao renunciar a converter En Marea nun partido instrumental, asumindo así as teses de EU e de Podemos.

Porén, o político advertiulles aos seus socios de coligazón que Anova “ten límites”, igual que el mesmo . “Hai límites éticos, está claro?”, espetou en resposta ás preguntas dos medios a respeito de se Anova vai priorizar sempre a unidade ou se dirá algún día “até aquí chegamos”. A respeito das diferenzas que se produciron entre os socios as últimas semanas, Beiras admitiu que “Anova é consciente dos defectos que houbo”, se ben insistiu na necesidade de “derrotar” o “inimigo común”.

Beiras: "Anova é consciente dos defectos que houbo"

“Nós apostamos na unidade popular e non está en perigo a unidade popular”, salientou. Afirmou que neste momento “é primordial dar exemplo” e tomar nota “do que din os cidadáns pola rúa, que hai que unirse”. Anova, dixo, “está poñendo a unidade por diante de calquera cousa. Por iso, cada día, ten máis credibilidade”.

Sobre as críticas do número 1 do BNG-Nós pola Coruña, Carlos Callón, a respeito do traballo dos deputados e deputadas galegas en Madrid, Beiras puxo de manifesto que “non sei se Carlos Callón sabe moito, porque como non estaba nas Cortes non sabe o que se fixo alí”. O candidato nacionalista convidou recentemente as persoas a acceder á web do Congreso para coñecer de primeira man a actividade política de todas as parlamentares galegas e a comparala coa realizala polas parlamentares do BNG nos últimos anos.

A Coordinadora de Anova ratifica a súa aposta na confluencia En Marea

A reunión da Coordinadora de Anova tivo como obxectivo ratificar que a formación reitera a súa decisión de contribuír á alianza a nivel de Estado, co fin de apoiar “a esquerda social e rupturista” xunto cos “suxeitos políticos” das nacións sen Estado que participan da confluencia.

Comentarios