Beiras di que Rajoy merece "un monte de labazadas pero non físicas, senón dialécticas"

O líder de Anova asegura que “En Marea está varrendo e vai varrer sen que Beiras sexa candidato” e destaca que “o importante sodes vós, os cidadáns”.

beiras en marea


En Marea celebrou esta quinta feira o penúltimo mitin central da campaña electoral en Bertamiráns. No acto participou o coordinador nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, que asegurou que “Rajoy o que merece é un monte de labazadas pero non físicas, senón dialécticas, que é a que move a dinámica da sociedade”. 

Beiras pediu ao líder do PP que “se vaia para Santa Pola”, onde ten praza como rexistrador da propiedade, e sinalou que “os votos son as labazadas que necesitan”. O tamén voceiro de AGE destacou que “aquí está En Marea varrendo e vai varrer sen que Beiras sexa candidato”, e engadiu que “o importante sodes vós, os cidadáns”.

A cabeza de lista de En Marea por Pontevedra, Alexandra Fernández, pechou o mitin manifestando que “por primeira vez en moito tempo existe a oportunidade de acabar co bipartidismo”. Por ese motivo, a número 1 da candidatura recordou que “se subiu a Marea na primavera non podemos permitir que deixe de subir este 20D”.

Fernández recoñeceu que “non temos todas as respostas” polo que alentou a que este fora un proceso colectivo. “Os galegos, igual que o resto de pobos do Estado, temos dereito a decidir. A solución ao problema nacional dentro do Estado español só pode vir do dereito libre a decidir dos pobos”, destacou.

Comentarios