Defínese como "factor subsidiario"

Beiras, ambiguo sobre a súa candidatura, quer un partido instrumental, o que choca con Podemos

Anova elixiu o parque de Galeras para conmemorar o Día da Patria. Fíxoo cun acto político no que a formación política lle deu voz a Carlos Aymerich, que compartiu estrado co propio Xosé Manuel Beiras, Lidia Senra, Antón Sánchez e Iria Otero.

Beiras, na súa intervención
photo_camera Beiras, na súa intervención

Un “factor subsidiario”. Así se definiu Beiras preguntado polos medios de comunicación a respeito do candidato ou candidata de consenso da Marea á presidencia da Xunta de Galiza. O portavoz de Anova non quixo aludir a ningún nome, mais como un xeito de amosar que está disposto a dar un paso atrás, afirmou que “importa o proxecto e O Beiras é un factor subsidiario".

“O que me importa é que se consoliden as bases e o outro virá de seu”, engadiu o veterano político, quen aludiu previamente ao “xogo” do sistema á hora de “descabezar” ao principal referente dun proxecto político, “é un xogo que hai desde a etapa do filipismo”.

Beiras lamentou que a manifestación do Día da Patria non for unitaria, "e non foi por falta de vontade de Anova"

Beiras comezou a súa intervención pública falando, sen nomealo, á etapa na que o BNG era un proxecto ilusionante, “cómpre comezar outra vez”, apuntou, para logo lamentarse de que a manifestación do Día da Patria non for unitaria, como a do ano pasado, “e non foi por falta de vontade de Anova”.

Beiras, nun momento do actoPara apelar á unidade do nacionalismo, Beiras tirou do facsímil editado pola Fundación Galiza Sempre en novembro de 2000 do Manifesto da Asemblea Nazonalista de Lugo de 1918. Fíxoo co fin de “rememorar a vixencia das súas reivindicacións” na etapa do “franquismo sen Franco”. Foi entón cando salientou a “xenerosidade” e o “sentido da responsabilidade” para lanzar En Marea e construír unha ferramenta que sexa “un novo proxecto de emancipación nacional e social” para “darlle volta ao IV Reich”.

Na mesma liña, aludiu aos “cadros dirixentes” doutras organizacións e convidounos a “botar unha ollada ao panorama dantesco da UE” para ver “o inimigo común” e “deixarse de regueifas”. “Chamamos a todos os cadros, sexan de novo cuño ou do vello”, salientou un Beiras que lembrou que a Marea se erixiu sobre dous piares: sobre a cidadanía do común galega como protagonista soberano, e non só o segmento nacionalista organizado na Galiza, e sobre a república como realidade cívica.

Beiras, que volveu ler os puntos do que se deu en chamar a Declaración de Láncara e que chamou a reflexionar sobre as causas internas que levaron ao resultado electoral de xuño, coa caída de En Marea, centrouse, a continuación, na asemblea fixada polas confluencias para o 30 de xullo. “Temos que consagrar as enerxías para crear unha ferramenta organizada que permita conducir a un proxecto estratéxico e non descoidar o combate que temos no plano electoral e a nivel institucional no vindeiro outono”, salientou.

Anova quer "un partido instrumental", de afiliación individual

Como xa fixera en declaracións aos medios antes de dar comezo o acto, o portavoz de Anova advertiu da necesidade de facer de En Marea, de cara aos comicios galegos, “un Partido instrumental”, de afiliación individual, o que bate frontalmente coa opción de Podemos Galicia. A organización do partido morado na Galiza só contempla a hipótese dunha coligazón e nunca disolverse nun partido de novo cuño.

Aliás, Beiras explicou que o día 30 se sentarán as bases para a construción dun novo instrumento xurídico e que despois diso nutrirase a organización de documentos.

Previamente, en declaracións á prensa, Beiras lembrou que a nación “somos todos e todas”. “Non se pode pretender un proxecto para o conxunto do país fechando portas e reducindo espazos”, engadía. O portavoz de Anova tamén apostaba en facer da Marea “un proceso de máis longa duración, un suxeito político de longa andaina”. Para iso, Anova, dixo, amosou “unha enorme flexibilidade e capacidade de diálogo”.

Política de alianzas

Beiras, sobre as alianzas, "se se converten nun cepo e nos crean unha situación de servidume, teremos que repensalas"

Aymerich e Beiras no acto de AnovaA respeito das alianzas política de Anova, Beiras advertiu de que teñen como finalidade “poder facermos a nivel Estado o que non teriamos potencia para facer”. Após aludir ás alianzas como “indispensábeis” para o “centro de decisión dominante, que son as cortes e o goberno do Estado”, lanzoulle unha mensaxe a Podemos (partido ao que non chegou a citar), “se se converten nun cepo [as alianzas] e se nos crean unha situación de servidume teremos que repensalas e reformulalas porque as alianzas teñen que ser ao noso servizo”.

Beiras concluíu cunha chamada ás persoas que se manifestaron xunto ao BNG na Praza da Quintana, “se saben escoitar, seguro que venceremos nós. Se non, teremos que facer o choio nós”. “Como dicía Manuel Antonio, fomos ficando sós...”. Desta maneira concluía a súa alocución o portavoz de Anova.

Grupo Parlamentar de En Marea

Antes de dar comezo o acto, os medios preguntábanlle a Beiras pola decisión da Coordinadora de En Marea de rexistrar a petición do grupo parlamentar. O portavoz de Anova dixo non sabelo, “eu son moi mal informado”, mais amosouse satisfeito de que a coordinadora se puxese de acordo.

“Foi unha mágoa que non se tivese chegado a un entendemento para crear un partido instrumental, mais dicíase que se ía arrasar, que ía haber unha maioría progresista e que non ía haber problemas...  E iso foi como o Conto da Leiteira”, sinalou.

Aymerich, por unha nova organización “onde convivan nacionalistas e non nacionalistas”

No acto de Anova participou Carlos Aymerich, o máis aplaudido após Beiras. O que fora portavoz parlamentar do Bloque dixo sentirse “un nacionalista sen teito” e explicou, en declaracións aos medios, que “Anova convidoume a intervir no acto porque estamos traballando na creación dunha nova organización nacionalista, en crear unha gran candidatura para as eleccións galegas, para que os nacionalistas, xunto con outros suxeitos, poidan gobernar dunha vez este país”, apuntou, preguntado ao respeito.

Aymerich, no acto de AnovaDa asemblea das mareas convocada para o día 30, Aymerich afirmou que espera que dela “saian os vimbios non só dunha candidatura, senón dunha organización galega sen subordinación a ningunha outra forza e onde poidamos construír un país novo. Ese é o reto e o que nos move a dar pasos”. Unha organización, insistiu, “onde convivan nacionalistas e non nacionalistas”.

“Vese candidato de cara ás galegas?”, inquiriron os medios a un Aymerich que se desligou da opción, “é o momento doutra xente. O que nos toca a algúns é dar tabaco en termos de naipes. É o momento doutras visións e se os que temos algo de experiencia podemos achegala pero desde atrás”.

Sobre a unidade do nacionalismo, subliñou que “xa nos vai tardando estarmos xuntos de verdade e de que os modelos fracasados, por moitos réditos que desen no pasado... tamén hai que ver e diferenciar os medios dos fins. E se o que nos une é traballar por unha Galiza libre e social hai que traballar por eses obxectivos á marxe doutro tipo de cuestións”. Na súa intervención no acto, onde apelou á soberanía nacional, puxo de manifesto, a respeito do nacionalismo, que “xa non nos valen organizacións feitas arredor dun partido guía que escriban eles sos a axenda do pobo, queremos organizacións vivas que leven a cabo a axenda que o pobo quere”.

No acto convocado por Anova polo Día da Patria tamén interviñeron Antón Sánchez, coportavoz de AGE; Iria Otero, membro da Permanente de Compostela Aberta e Lidia Senra, europarlamentar de AGE. A anécdota da xornada chegou ao final, cando se reproduciu por megafonía o Himno Nacional mutilado. As persoas que participaban no convivio optaron por interpretalo "a capela".

Comentarios