Beiras defende que Calviño sexa deputado desde Dinamarca "porque está en Europa"

O líder de Anova e portavoz de AGE no Parlamenento confirmou que Fernández Calviño mantén a acta de deputado. Beiras defendeu que o seu labor como investigador é compatíbel co de parlamentar porque está "dentro da UE" e "calquera punto está a un par de horas" de Galiza.

Xosé Manuel Beiras, portavoz nacional de Anova-Irmandade Nacionalista [Imaxe: Riobó Prada]
photo_camera Xosé Manuel Beiras, portavoz nacional de Anova-Irmandade Nacionalista [Imaxe: Riobó Prada]

David Fernández Calviño trasladouse a pasada sexta feira a Copenhague após aceptar un traballo como investigador na capital danesa. O deputado de AGE levou con el a acta de parlamentar logo de que a súa sucesora na lista electoral, Carmen Iglesias Sueiro (EU), declinase rexeitar o escano para compensar a representación das distintas forzas que integran a coligación electoral. 

Beiras defende que Calviño manteña a súa acta porque di, "está en Europa, dentro da Unión Europea" onde "calquera punto está a un par de horas de distancia"

Perante esta situación, que remexeu AGE, o de Toén partiu para Dinamarca e levou con el a súa acta. Así o confirmou o líder de Anova e portavoz de AGE, Xosé Manuel Beiras, durante a comparecencia de imprensa desenvolvida esta terza feira após a Xunta de Portavoces. Neste senso, Beiras defendeu que Calviño combine ambos os dous labores  porque, dixo, "está en Europa, dentro da Unión Europea" e "calquera punto está a un par de horas de distancia". 

Asemade, o líder de Anova asegurou que deixará en mans do propio Fernández Calviño como compatibilizar o seu traballo como investigador e como parlamentar porque, subliñou, "non estou disposto a cortarlle" a carreira a ningunha persoa que, engadiu, rexeita "a profesionalización da política". Para Beiras, o substancial deste conflito é que ao deputado "se lle impide seguir a súa carreira en Galiza" e non que manteña o seu escano a máis de 2.000 kilómetros. 

Para alén da súa acta como deputado, David Fernández mantén tamén o seu escano como edil en Toén, posto que desenvolve como non adscrito após declinar demitir logo da súa saída do BNG. 

Comentarios