Beiras continúa sen desbotar a súa candidatura, aínda que a ve “inverosímil”

O líder de Anova, un pouco na esteira de Feijóo, continúa alimentando o suspense a respeito da súa candidatura. Por unha banda afirma que é inverosímil, mais por outra non a desbota e di que no seu momento fará “o que crea oportuno”. Sectores das Mareas e de Podemos, como xa informou no seu día Sermos, non o respaldarían como cartaz eleitoral.

Apresentación Convención Nacional Anova. 7 de abril de 2016
photo_camera Beiras e Dopico

Beiras compareceu esta quinta feira en conferencia de imprensa para apresentar a Convención Nacional que o seu partido, Anova, irá realizar este próximo domingo na Coruña, no Hotel Riazor, a partir das 10 horas.

Mais, como era previsíbel, os focos da imprensa non se puxeron no temario a debate nesa convención e si na cuestión que monograficamente orbita arredor de Beiras e Anova nas últimas datas: a hipótese de o veterano político -que esta mesma semana cruzou o rubicón dos 80 anos de idade- se candidatar ou non á presidencia da Xunta.

A este respeito, Beiras mantivo a sua dupla linguaxe, isto é, continuou sen desbotar categoricamente a súa candidatura, embora reiterou o discurso de que a ve inverosímil por razóns biolóxicas: “Son responsábel, sei a idade na que estou e cais son as miñas enerxías”.

Para o líder de Anova, o fundamental é que o eleitorado teña claro o que “”que vai votar”) e non tanto “a quen”. Aí foi cando engadiu que ante a cita eleitoral el fará “o que considere oportuno”.

As fontes consultadas por Sermos apuntan desde hai semanas que Beiras si aloumiñou a posibilidade de se candidatar, mais que é consciente de que non conta con apoios en sectores moi relevantes das Mareas

As fontes consultadas por Sermos apuntan desde hai semanas que Beiras si aloumiñou a posibilidade de se candidatar, mais que é consciente de que non conta con apoios en sectores moi relevantes das Mareas e mesmo en alas do seu partido, que manexarían como opcións alternativas as de Martiño Noriega, alcalde de Santiago, e as do deputado e coordenador nacional de Anova, Antón Sánchez. Noriega, en entrevista con Sermos, púxose fóra da carreira co argumento de que ten un compromiso coas cidadás e os cidadáns de Compostela. Argumento xémeo ao utilizado por Xulio Ferreiro, o rexedor da Coruña.

4 eixos temáticos

Beiras estivo acompañado no acto informativo por Rafa Dopico, da área de Organización da Permanente de Anova. Este dirixente foi o encarregado de apresentar a Convención. Esta reunión da militancia desta organización nacionalista -aberta tamén a simpatizantes e moi nomeadamente ás mareas municipalistas- terá, explicitou Dopico, catro eixos temáticos básicos: o proceso para a elaboración do programa para as eleccións galegas, a reflexión sobre o suxeito eleitoral -isto é, sobre a forma de concorrencia a eses comicios-, o debate sobre como mellorar as vías de participación social na política e o rol de Anova como organización “neste proceso de construción da unidade popular” que ten como norte a derrota do PP e a formación dun “goberno galego de cambio e de ruptura”.

Comentarios