Beiras considera un ''erro'' as demisións mais nega que Anova ''estea en perigo''

O portavoz nacional defendeu o seu apoio a concorrer con IU e recoñece que no referendo do domingo houbo ''empate técnico'' entre esa escolla e a defendida pol@s demisionari@s, polo que chama a procurar ''consensos''.

beiras_dentro
photo_camera beiras_dentro

O portavoz nacional de Anova está “convencido” de que a demisión esta segunda feira, despois do referendo sobre candidaturas a Europa, de 10 membros da Comisión Permanente é “un erro”. Mais, asegurou, Anova “non está en perigo de desaparición”.

Xosé Manuel Beiras defendeu o seu posicionamento público a prol de concorrer ás europeas con IU. Afirmou que non facer iso sería unha “irresponsabilidade” e mesmo unha “auto-censura”.

O resultado do referendo (cun 48% a prol de ir con IU e un 46,6% a prol dunha candidatura soberanista de esquerdas e/ou plataformas cidadás) é de “empate técnico”, recoñece Beiras. Por iso, apuntou, faise mester atinxir “consensos” mais sen que isto implique, engadiu, cambiar o resultado do expresado pola militancia de Anova nas urnas.

IU e Podemos

Mesmo suxeriu Beiras que podía haber un punto en común entre as dúas posturas, sinalando as novas de que había un principio de acordo entre IU e Podemos e que respostaría a esa aposta por sumar aos movementos sociais.

Comentarios