Beiras chama a rebelarse


ANova Irmandade Nacionalista celebrou na Praza de Mazarelos o Día da Patria. Nun sinxelo acto falaron mozas e mozos da formación para rematar co discurso do seu líder, Xosé Manuel Beiras, que propuxo 'asaltar pacificamente' San Caetano.
A Nova na Praza de Mazarelos polo Día da Patria de 2012

Un escenario a carón da Facultade de Filosofía, na Praza de Mazarelos, recibiu este mediodía o primeiro Día da Patria de ANova Irmandade Nacionalista. Coa intención de reivindicar o seu nome, o acto tivo como un dos seus protagonistas a mocidade que comezou os parlamentos. Desde a “radicalidade democrática”, como sinalou Flor Maceiras, foron explicando un a un os argumentos que promove a súa formación. “Queremos recuperar os principios democráticos do republicanismo, o exercicio real da soberanía popular, a autodeterminación do noso pobo e de todos os pobos oprimidos do mundo”, foi unha das ideas que deixaron claras desde o inicio. “Somos xentes de procedencia diferente coa idea de defender ás minorías oprimidas”, aseguraron.

Anovar
O agardado discurso de Xosé Manuel Beiras non defraudou a súa audiencia. “A Nova nace para anovar a cultura política, para anovar as relacións entre a sociedade civil e as instancias políticas, para realizar un proxecto político nado no seo do pobo”, principiou a xeito de explicación da elección do nome que tamén é unha “referencia tácita ao movemento histórico no que o sector máis lúcido da cidadanía galega descolonizada a comezos do século XX deu o paso de facer explícita a condición de nación e reivindicou a ese pobo como nación, ás Irmandades da Fala”.
Nos agradecementos ás delegacións convidadas detívose máis en Amaiur e no Bloco de Esquerdas. Da formación vasca asegurou que “é un exemplo a seguir e do que temos que aprender pois foron capaces de curar as feridas e chegar onde están hoxe”. Da formación portuguesa recolleu a súa formación “coma nós xurdindo do PCP, doutras esquerdas e que foron capaces de pasar da UDP ao Bloco de Esquerdas cunha traxectoria participativa e de esquerdas que nunca se vira en Portugal”.

Sobre a situación económica actual Beiras foi moi duro co que considera culpa dunha “oligarquía financeira fascistoide” da que non hai “que ter medo, son eles os que teñen medo”.

O papel de Beiras
Beiras falou tamén do seu papel neste novo proxecto. “Só podo asumir ser a vosa voz e non a miña propia, ser o voso espello e non a miña imaxe, ser un compañeiro na promoción dun liderado plural e colectivo, ser un amante en vida ao relevo no novo ciclo que está a comezar neste novo proxecto común que ten que ser de e para a maioría da nosa nación”, asegurou.
Sobre a situación económica actual o líder de Anova foi moi duro co que considera culpa dunha “oligarquía financeira fascistoide” da que non hai “que ter medo, son eles os que teñen medo”. Para Beiras eses “parásitos sociais” constitúen “o único poder político na sombra, mesmo por riba da Merkel, coa intención de manter os seus redutos especulativos”.

Unidade e rebelión
O remate do discurso de Xosé Manuel Beiras foi para pedir a “unidade” e un “traballo didáctico” coa cidadanía para “erradicar o medo a esta catástrofe que están a provocar, que imos pagar nós, mentres non os demos botado entre todos os pobos da Europa para crear unha Europa Social”.
As últimas palabras foron para chamar a unha “rebelión pacífica como a que as redes sociais propoñen para o 25 de setembro de arrodear as cortes de Madrid, nós estamos por ese labor e temos que facer o mesmo en San Caetano, temos que autodeterminarnos”.

Comentarios