Beiras atribúe a ausencia de Galiza no documento de Podemos a problemas de "conexión" de En Marea co grupo de Iglesias

O lider de Anova e AGE interrompeu as preguntas dos xornalistas sobre este tema, alegando que eclipsaría o asunto que trataba na comparecencia de prensa: a proposta de resgate público do Hospital de Vigo.

beiras eva solla Foto Xoán Rey
photo_camera Xosé M. Beiras e Eva Solla. Foto: Xoán Rey

Na proposta de pacto que Podemos-Barcelona En Comú-En Marea presentou ao PSOE non aparece Galiza nin unha soa vez. Un documento de 98 páxinas nas que non se recolle ningunhas das propostas que a coligazón galega, En Marea, presentou publicamente como as súas propostas para poder outorgar o apoio a un goberno de Pedro Sánchez. Unha cuestión que motivou que esta cuarta feira, e aproveitando a comparecencia de impresa de Xosé Manuel Beiras para presentar unha proposta sobre o Hospital de Vigo, os xornalistas lle preguntasen ao respecto. A explicación do líder de Anova e AGE a esa ausencia de Galiza é a problemas de “conexión” de En Marea co grupo de Pablo Iglesias. Beiras, nesta liña, falou de “desfase” e “falta de coordinación”. Asegurou que En Marea elaborou un informe e que ese documento está en mans de Podemos.

Non foron moi do gusto do líder de Anova e AGE as cuestións que lle prantexaban, e optou por interromper as preguntas. “Chegou ben”, dixo, alegando que o tema da comparecencia era o Hospital de Vigo e non Podemos ou En Marea. “Unha cousa é o que apareza nos medios (de comunicación) e outra é o que realmente está ocorrendo, centellas, a ver vos enterades”, díxolle aos xornalistas. Recoñeceu que non fala co líder de Podemos, Pablo Iglesias, “desde hai aproximadamente unha semana” e que "non" está " a facer seguimento", porque "tampouco" lle "interesa demasiado". Afirmou que "era sabido" que tanto PSOE como PP "dirían que Galiza non existe nas negociacións".

Resgate

Xosé Manuel Beiras presentou coa deputada Eva Solla unha iniciativa de AGE para resgatar o novo Hospital de Vigo. Explicou que por 69 millóns de euros pode asumirse o complexo hospitalario e evitaríase o pagamento de 1.400 millóns de canon por su uso. Algo que se pode facer, sinala, polas irregularidades e ilegalidades cometidas en torno ao Hospital.

Comentarios