O líder de Anova non ve Galiza "con potencia suficiente" para "romper co Estado" e avanza contactos con IU federal

Beiras defendeu a confluencia con forzas políticas de ámbito estatal e avanzou que Anova mantivo xa contactos con Izquierda Unida federal.

Xosé Manuel Beiras
photo_camera Xosé Manuel Beiras

O portavoz nacional de Anova, X.M. Beiras, explicou esta quinta feira os acordos adoptados pola Coordenadora Nacional da formación en relación á fórmula coa que concorrerán ás eleccións europeas. O deseño polo que advoga Anova, dixo, é o dunha "fronte ampla non excluínte" á que convidan a todas as "forzas nacionalistas e da esquerda rupturista" das nacións do Estado "Galiza, Euskal Herria, Països Catalans e España en sentido estricto", --sinalou. 

Confluencia con forzas estatais 

Segundo Beiras, esta é a primeira ocasión en que unha forza "non de ámbito estatal" propón a configuración dunha candidatura coma esta e avanzou que Anova mantivo xa contactos iniciais con Izquierda Unida federal, a esquerda abertzale, as CUP, ICV, ERC e que, nos vindeiros días, se reunirán co BNG. Desde a formación entenden, dixo Beiras, que "a nación galega non ten a potencia suficiente para pola súa propia conta, coas súas propias forzas, romper co Estado español, nin co rexime estabelecido." 

Beiras considerou que Galiza non se atopa nun escenario no que o país poida iniciar unha "dinámica propia" allea á realidade española --como si podería acontecer no caso catalá no que, dixo, "contan coas súas propias forzas". Así, para Anova Galiza debe "dar unha batalla decisiva no Estado" mais partindo, dixo, "do recoñecemento" do pobo galego "como suxeito político" de seu e capacidade para exercer "un proceso constituínte" propio.

A proposta lanzada por Anova será trasladada tamén ás plataformas cidadás e ten por obxecto camiñar cara "a quebra democrática" cun Estado "subxugado á Europa da Troika" e a un "proceso deconstituínte" que baleira de dereitos á cidadanía. 

"Se a proposta se frustra non será responsabilidade nosa"

Desde Anova agardan que a "fronte ampla" proposta poida consolidarse nas europeas ao entender que foi "un erro" a "autoexclusión" de determinadas forzas nas eleccións ao Parlamento galego. Porén, "se se frustra", dixo, "non será responsabilidade nosa" pois porán, subliñou, todo o seu esforzo na consolidación da candidatura. 

O líder de Anova explicou, en comparecencia de imprensa, que o acordo da Coordenadora nacional de Anova plasma o adoptado na última Asemblea nacional da formación a respecto da súa "política de alianzas". Así --perante os resultados colleitados coa coligación electoral AGE (Anova, Esquerda Unida, Espazo Ecosocialista e Equo) nas eleccións ao Parlamento galego-- optaron por formular a mesma proposta para os comicios europeos. 

Comentarios