ELECCIóNS XERAIS

Beiras aposta por unha candidatura que non sexa apéndice de Podemos ou de IU

O portavoz de Anova, Xosé Manuel Beiras, avoga por unha candidatura para as eleccións xerais na que Galiza manteña a súa “identidade” e que non sexa “apéndice” dunha “marca política” como Podemos ou Izquierda Unida. Tamén sinalou que “confundir a nación galega co espazo do nacionalismo é un erro”.

[Imaxe: @alvaromcferrol]
photo_camera [Imaxe: @alvaromcferrol]

Logo da Conferencia Nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, portavoz desta forza política puxo de manifesto, en declaracións recollidas por Europa Press, que o partido avoga por unha candidatura para as eleccións xerais na que Galiza manteña a súa “identidade” e non sexa “apéndice” dunha “marca política”; como Podemos ou Izquierda Unida. Tamén avanzou que a candidatura que defende Anova “non é unha alternativa electoral organizada en forma de coalición das forzas políticas nacionalistas”. E é que, segundo explicou Beiras, a nación galega “é unha realidade social que transcende o espazo das forzas políticas nacionalistas”.

Neste contexto, Beiras avogou por que todas as forzas políticas que se adhiran a esta alternativa asuman: “a ruptura democrática”, “a apertura dun proceso constituínte”, Galiza como “nación e pobo con dereito a decidir” e “protagonismo da cidadanía”, na medida en que a ve “motor primordial do cambio”. Así, o representante de Anova aposta por que nas próximas eleccións xerais emerxa a nación galega como “suxeito político soberano”. Pola outra banda, sinalou que “os hábitos adquiridos” polas forzas políticas do que denominou “ciclo anterior” deben ser “desterrados”

Preguntado por se a proposta do BNG non lle parece suficiente, Beiras afirmou que “confundir a nación galega co espazo do nacionalismo é un erro”. Para Beiras, a nación galega tamén son “todos os demais cidadánsque, malia non ter conciencia de nación, teñen “sentimento” de ser galegos”.

Tamén a preguntas dos medios sobre que proposta de candidatura está máis perto de Anova, se a que defende o Bloque ou a de Ahora en Común, Beiras expuxo que a candidatura pola que avoga Anova “non é unha terceira alternativa” e que Anova leva desde a súa constitución apostando por “frontes amplas” para as convocatorias electorais.
 

Comentarios