David Fernández Calviño, deputado de AGE por Ourense, formalizará o 30 de novembro a súa renuncia ao escano no Parlamento galego. Así o anunciou nesta terza feira o co-portavoz da coaligación e portavoz de Anova, Xosé Manuel Beiras, que recoñece, a preguntas d@s xornalistas, que “non podo dar resposta ao que vai acontecer” agora con ese escano. Un posto que corresponde a Carme Iglesias (de Esquerda Unida), que se mantén firme en tomar posesión do mesmo e non deixar correr a lista, como lle piden EU e Anova, para que entre Iolanda Pérez (de Anova) e manter así a relación de forzas entre ambas as dúas organizacións no seo da Alternativa Galega de Esquerdas.
“Non falei con Carme Iglesias en todo este período”, manifestou o co-portavoz de AGE, que recoñece que “non sabemos aínda” que vai facer esta militante de EU
“Non podo dar resposta a futuríbeis”, enfatizou Beiras, que mesmo apelou “á capacidade de rectificación dos seres humanos” en referencia a Carme Iglesias Sueiro. “Nunca falei con ela durante este período”, concluíu, após reiterar que o que vai pasar agora “témolo que falar primeiro no grupo parlamentar”.
“Asedio mediático terrorífico”
O coportavoz de AGE comezou a súa comparecencia ante a imprensa anunciando que David Calviño deixa o escano para retormar a súa carreira profesional en Dinamarca. Unha escolla avalada polo propio Beiras (“xa na primavera, nunha ocasión, eu xa lle dixera que si tiña oportunidade de retomar o seu futuro profesional, que o fixese”). O tamén portavoz de Anova indicou que, consultados os letrados do parlamento, Calviño podía compatibilizar a actividade profesional coa de deputado “mais para nós, eticamente, non era sostíbel a situación”.
Engadiu que Calviño se integrará nun grupo de traballo na Universidade de Copenhage cun posto moi específico. “De renunciar, afectaría a todo o equipo que mesmo podería perder o financiamento do goberno dinamarqués”.
“Se David renunciase a ir a Copenhage o equipo de traballo ao que se incorpora podía perder o financiamento”
Para Beiras, o problema coa situación de David Calviño foi aproveitado para unha “caza e captura”. Un “acoso mediático” e unha “ofensiva contra Anova e AGE”. Unha actitude de certa imprensa que responde, argumentou a que esta formación representa “a creba democrática”, polo que supón, afirmou, un problema para o poder político e mediático.
Problemas internos
O portavoz de AGE quixo tirar importancia ao acontecido co escano, sinalando que o mesmo nada interesaba á cidadanía: “Eu estiven no San Martiño en Francos (Concello de Teo) e alí saudáronme ducias de persoas. Ningunha delas preguntou polo do escano de Ourense”. Mais si recoñece Beiras que esta situación “repercutiu na vida interna das organizacións” que integran AGE.