Beiras: “A alguén se lle ocorre pensar que Galiza por si mesma pode liberarse?” 

O líder de Anova defende as alianzas políticas como camiño para a emancipación do pobo galego nun mitin de En Marea en Vigo, xunto ás cabezas de lista por Pontevedra, o alcalde de Compostela e o secretario xeral de Podemos en Galiza.

_MOA6955
photo_camera (Imaxe: En Marea)

O coordinador nacional de Anova e voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, defendeu as alianzas políticas que conformaron En Marea como camiño para a emancipación do pobo galego. “A alguén se lle ocorre pensar que Galiza por si mesma pode liberarse?”, preguntou Beiras, que fixo referencia ás 70 candidaturas de unidade popular das mareas como fito chave.

“Fomos capaces de entender que aí estaba a nova política. Tiñamos moitos tics e cumpría remudar e entender que a maneira de facer política os propios cidadáns era o que cambiaba o rumbo da historia”, sinalou nun mitin no Auditorio Mar de Vigo.O líder de Anova manifestou que “o contido primordial de En Marea é o que ten que facer a esquerda social deste país para arrastrar á esquerda política” e lamentou que no proceso de confluencia houbese “espazos políticos que non quixeron entender que esta era a fórmula”.

O líder de Anova lamentou que houbese “espazos políticos que non quixeron entender a fórmula” das mareas.

Beiras tamén lanzou unha mensaxe ao “Partido Podre”, en referencia ao PP, e advertiu de que “as mareas vivas dos equinoccios e dos solsticios coma o 21 de decembro son as máis vivas do ano, e este 21D vai chegar a marea até a Moncloa”.

O voceiro de AGE participou no acto de En Marea xunto as dúas cabezas de En Marea por Pontevedra. A número 1, Alexandra Fernández, asegurou que o obxectivo da candidatura é chegar ás institucións para poñelas ao servizo da cidadanía. Pola súa banda, a número 2, Ángela Rodríguez, dirixiuse a Mariano Rajoy a quen “nos gustaría dicirlle 'sé fuerte' porque este cambio xa non hai quen o pare”.

No mitin en Vigo estivo o rexedor de Compostela, Martiño Noriega, que abundou nas palabras de Beiras e asegurou que “non importa o envoltorio” e “o que importa son as medidas de fondo”. Tamén falou o secretario xeral de Podemos Galiza, Breogán Rioboo, que destacou que o proceso para construír En Marea se fixo “deixando personalismos para poñer en valor o que nos une”. 
 

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios