Beiras insta Podemos e IU a converxeren

O voceiro nacional de Anova animounos a confluír "sobre a base dun proxecto común" ao tempo que coidou unha "bomba de reloxaría" un hipotético desmarque d@s de Pablo Iglesias dunha maré galega.

Xosé Manuel Beiras estivo esta terza feira (14 de xullo) en Madrid nas xornadas de verán organizadas pola Universidade Complutense e o candidato de IU á Moncloa, Alberto Garzón. No encontro, no que partillou mesa co propio Garzón, Juan Carlos Monedero e Sabino Cuadra, entre outras persoas, o voceiro de Anova instou a Podemos e IU a converxeren "sobre a base dun proxecto común e non sobre exploracións demoscópicas". 

Así se pronunciaba Beiras após rexeitar o secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, calquera confluencia con Izquierda Unida de cara ás xerais. Porén, o portavoz de AGE no Parlamento galego tamén tivo palabras para a decisión de Iglesias de presentar a súa propia candidatura na Galiza para estes comicios. 

Beiras tildou de "bomba de reloxaría" o posíbel desmarque de Podemos dunha hipotética maré galega ás Cortes españolas. Un feito que tildou de "irresponsabilidade". 

Beiras aposta en ensamblar "a cidadanía autoorganizada", "as marés e os partidos da esquerda ruturista" para as eleccións ás Cortes españolas

Así as cousas, o líder de Anova desmarcouse "a priori" da iniciativa lanzada nos últimos días baixo o nome de Ahora en Común. Ao respeito Beiras dixo que "o pobo galego non pode apuntarse a algo que está predeseñado antes de saber que vai decidir para ser actor neste proceso". 

Segundo Beiras, o mellor escenario para Galiza pasa por "ensamblar" as "tres patas" que están a actuar na actual coxuntura. Isto é, "a cidadanía activa autoorganizada, as marés e os partidos da esquerda ruturista". A confluencia destes tres axentes arredor dunha "alternativa programática clara e o irrenunciábel protagonismo cidadán" deberan resultar, sinalou, nunha "alianza de clases e de suxeitos de soberanía". 

Comentarios