Beiras acusa a Xunta de ''cómplice'' da ''estafa'' practicada co proxecto mineiro de Corcoesto

O voceiro parlamentar de AGE visitou a zona afectada pola mina para constatar que a complicidade manifestada polo PP é "moi grave" ao permitir que saia adiante o "espolio" que pretende a empresa canadense Edgewater, "propio dun modelo de desenvolvemento de países colonizados"


De "cómplice pasivo" da "estafa" que a empresa mineira de capital canadense Edgewater está a practicar entre a veciñanza de Corcoesto tildou este sábado á Xunta o voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, que visitou a zona en que se contruirá a mina a ceo aberto acompañado doutros dous deputados desta formación política, Xabier Ron e Antón Sánchez.

Acompañados de membr@s da Plataforma pola defensa de Corcoresto, percorreron os montes desta parroquia de Cabana de Bergantiños para constatar que a tolerancia amosada polo Goberno galego é "moi grave", ao permitir "que unha sociedade de capital estranxeiro practique a extorsión e a chantaxe", para alén de subliñar que un proxecto destas características --unha mina a ceo aberto que ocupará a superficie equivalente a 700 campos de fútbol a cambio de dúas ducias de postos de traballo-- "é propio de países colonizados".

Sostén a formación que lidera Beiras que esta actuación, tramitada como plan estratéxico industrial para acelerar os permisos, é en realidade "un expolio para todo o País". Por conseguinte, AGE organizará en xaneiro unhas xornadas sobre minaría para explicar o impacto real que teñen os proxectos mineiros, propios "de modelos de desenvolvemento propios da etapa colonial".

Comentarios