Sería nunha plataforma tamén con forzas estatais

Beiras abraza a proposta de Otegi e abre a porta a un acordo con Bildu, BNG e ERC nas europeas

O frentismo proposto por Arnaldo Otegi contra o avanzo da ultradereita xa ecoa na Galiza. Esta cuarta feira, o líder histórico de Anova, Xosé Manuel Beiras, ergueu a voz para secundar a iniciativa do referente da esquerda abertzale. 

unnamed
photo_camera Un momento da conferencia de imprensa.

Otegi cre que a excepcionalidade do momento, marcado pola emerxencia das expresións máis ultras do españolismo, convida á construción de plataformas moi amplas que abrangan "desde o PNV até a CUP" nun diálogo que se abra tamén a "forzas progresistas" no ámbito estatal.

Esa luva recolleuna na Galiza o líder histórico de Anova, Xosé Manuel Beiras, que esta cuarta feira compareceu ante os meios co portavoz nacional da formación, Antón Sánchez, para dar a coñecer os acordos adoptados pola Coordenadora Nacional da organización nacionalista na súa reunión do pasado domingo.

Interpelado ao respeito na conferencia de imprensa, Beiras fixo súa a proposta de Otegi e mesmo se ofereceu para estabelecer "conversas" tendentes á inclusión de Anova na plataforma que prepara EH Bildu para as europeas. Nesa coalición Anova —que nas europeas de 2014 concorreu con Esquerda Unida— reencontraríase co BNG e con ERC.

Menos explícito e máis a ton co seu cargo orgánico, Antón Sánchez matizou que "non hai ningunha proposta enriba da mesa". "Cando a houber, valorarémola. Faremos un chamado en breve porque acreditamos que é necesaria unha alianza das esquerdas soberanistas e das que respeiten o dereito á autodeterminación para facermos frente en Europa ao fascismo e á extrema dereita", engadiu.

"As eleccións europeas poden ser unha oportunidade para facerlle fronte ás políticas do 135 e do 155 e para fixar as consecuencias negativas que teñen en Galicia a persistencia das políticas neoliberais da Unión Europea", afirma Anova nun comunicado de imprensa en que tamén notician que a organización convocará, após as municipais, a súa IV Asemblea Nacional para "tomar as súas decisións con autonomía absoluta" a respeito da súa relación cos demais componentes do autodenominado espazo de ruptura.

No debate interno, Anova está claramente aliñada con Podemos e Esquerda Unida. Ao seu xuízo, a responsábel da crise da confluencia é a actual dirección villarista por, afirma, ter violentado "os acordos do Plenario do 27 de outubro", congreso gañado en votacións decisivas polos sectores críticos da organización.

Comentarios