Beatriz Pino: "Feixoo está acomodado na poltrona que supón levar tantos anos na Xunta"

Entrevistamos Beatriz Pino, candidata de Ciudadanos á Presidencia da Xunta da Galiza. 
'Nós Diario' conversou con Beatriz Pino nas rúas de Santiago e na redacción sobre Galiza e o 12-X. (Imaxe: Arxina)
photo_camera 'Nós Diario' conversou con Beatriz Pino nas rúas de Santiago e na redacción sobre Galiza e o 12-X (Imaxe: Arxina)

—O Estatuto da Galiza é dos poucos que non mudou. Toca reformalo nesta lexislatura?

Cs naceu para loitar contra os nacionalismos, contra aquelas situacións, partidos e ideas que querían romper a unidade do noso país. Defendemos que todos teñamos os mesmos dereitos e obrigas en calquera situación e lugar onde se viva. Isto define moi ben o que queremos para Galiza: mantermos unha cultura e lingua tan rica como a nosa, mais sendo todos iguais, vivamos onde vivamos, para que non haxa cidadáns de  primeira ou segunda por vivir na Galiza, Catalunya ou Madrid. 

—Pero toca actualizalo? 

Unha vez esteamos no Goberno da Xunta tocaría sentarse e ver que é o que se pode facer. 

—Que é Galiza para vostede?

Unha Comunidade Autónoma.

—Como será a reconstrución?

O primeiro é que o 13 de xullo os galegos vexan unha mesa de reconstrución por Galiza onde haxa diálogo e consensos. 400.000 galegos viven un ERTE, pendentes do futuro e en Cs non queremos que a clase media volva ser quen pague os pratos rotos da crise. 

—Que facer coas peaxes da AP-9?

Son un asalto aos nosos petos. Os galegos temos as peaxes máis altas de España e de Europa e vemos como soben cada ano. Isto non vai de que Administración sexa a titular da competencia, por iso, comprométome a sentar o Goberno autonómico (polo galego), do que formaremos parte, co Goberno nacional (polo estatal), e atopar unha solución para que as peaxes na Galiza pasen a ser cousa do pasado. 
 
—Como describiría os 11 anos de Feixoo como presidente?

Nós non pretendemos facer unha emenda á totalidade. Fixéronse algunhas cousas ben, pero hai outras que deixan moito que desexar. Feixoo está acomodado nesa poltrona que supón estar á fronte da Xunta tantos anos, e Galiza leva demasiado tempo á cola da economía de España, acumulando problemas estruturais, sendo líderes en baixa natalidade e no despoboamento de zonas rurais e de cidades, temos infraestruturas precarias como as ferroviarias, que son do século pasado e que non conectan zonas rurais e urbanas. Isto xera que haxa cidadáns de primeira e de segunda. Hai que acabar ademais coa fenda dixital.  Eu quero que a Xunta se pareza aos galegos que vai gobernar, ten que asemellarse á clase media, aos autónomos, ás familias... 

—Prevé un acordo de Cs con PP e Vox para investir Feixoo?

En varias comunidades estamos gobernando co PP, do resto de partidos teñen que falar eles. Aí facemos políticas que melloran a vida das persoas, como en Madrid, con axudas a 200.000 autónomos durante a pandemia.

Comentarios