“Bautista Álvarez pertence á mesma secuencia de pensadores que Castelao ou os Vilar Ponte"

Presentouse o II Volume das Obras Completas do histórico dirixente nacionalista e fundador da UPG, que en palabras de Pilar García Negro, directora xeral da Fundación que leva o seu nome, “é un home de traxectoria rectilínea, sen guadianas”.

bautista-cropcro
photo_camera Senén, Bautista e García Negro.

Ao pé do centro de interpretación do xacemento castrexo de San Cibrao das Las, no concello ourensán de San Amaro, presentouse o sábado o II Volume das Obras Completas de Bautista Álvarez, publicadas pola Fundación que leva o seu nome. No acto participou o histórico nacionalista, así como o museólogo Felipe Senén e a profesora e directora xeral da Fundación, Pilar García Negro.

“Aproveitando o escenario no que se desenvolveu o acto lembrei que a arqueoloxía ou a etnografía forman parte dun pasado histórico que chega até os nosos días, non son un depósito baleiro senón que forman parte do valor distintivo nacional da Galiza”, afirma García Negro sobre a súa exposición, na que afirmou que “Bautista Álvarez é un creador de ideoloxía que está inserido na mesma secuencia de pensadores de Castelao ou os irmáns Vilar Ponte”.

García Negro destaca de Bautista Álvarez “as súas virtudes literarias, cun galego moi rico e vizoso e con referencias aos nosos clásicos pero tamén aos doutras latitudes”.

“Os textos incluídos neste segundo volume non son pezas rituais, polo contrario, ao tratarse de discursos de apertura ou peche de asembleas de BNG ou congresos de UPG adoptan un valor histórico que achega análises cunha función tamén cronística do devir histórico de Galiza e do seu nacionalismo, incluídos os seus problemas”, explica, en declaracións a Sermos Galiza, a que tamén foi deputada do Bloque, que destaca que “o autor entrégase sempre á máxima veracidade e liberdade expresiva”.

Segundo García Negro, “Bautista Álvarez presenta unha traxectoria rectilínea, sen guadianas, desde que no Seminario descubriu que Galiza tivera o seu Estatuto no 36, e chorou ao coñecer esa circunstancia, até que formou parte de Brais Pinto ou da fundación da UPG e 1964”. A maiores, a profesora destaca “as súas virtudes literarias, cun galego moi rico e vizoso e con referencias aos nosos clásicos pero tamén aos doutras latitudes”.

Cambio Social

Pola súa parte, durante o acto Felipe Senén amosou a súa erudición ao referirse ás terras natais do escritor, que tamén son as súas, namentres que o propio Bautista Álvarez, nunha intervención moi celebrada e con intres para o humor, defendeu a auto-organización das forzas políticas galegas e pediu traballar “a prol dun cambio social”, obxectivo nacional que situou por riba “do curto prazo das convocatorias electorais”.

Comentarios