"A miña loita polo nacionalismo é unha vocación, non merezo homenaxe ningunha"

Bautista Álvarez está a piques de cumprir 80 anos. De entre eles, 50 están marcados pola loita a prol da liberación nacional de Galiza, un obxectivo que, di, continúa a ser "o reto do nacionalismo galego".
Bautista Álvarez
photo_camera Bautista Álvarez

Co carácter que dan os anos de combatividade e unha fonda traxectoria política, Bautista Álvarez conversou con Sermos Galiza co gallo da homenaxe que lle organizan ducias de compañeir@s e amig@s. Porén, malia a que o nacionalismo galego apunta cara a el como unha figura fundamental da nosa historia contemporánea el asegura que, de o ser,"este país está moi pobre de figuras". 

Vai recibir unha homenaxe esta fin de semana organizada por numerosas persoas que din que vostede é unha figura fundamental na historia deste país...
Se a min se me pode catalogar entre as persoas importantes do noso país, entón eu coido que o noso país está moi pobre de figuras. Eu non merezo homenaxe de ningunha clase porque a miña loita polo nacionalismo non é un sacrificio, senón unha vocación. Ninguén debe ser homenaxeado por ter un comportamento acorde coa súa ideoloxía.

"Até que non consigamos os nosos obxectivos de liberación nacional teremos que continuar traballando"

50 anos de militancia son moitos... cando bota a ollada atrás que mudanzas ve?
O nacionalismo galego continúa loitando polos mesmos obxectivos que loitaron os nosos devanceiros desde as Irmandades da Fala ao Partido Galeguista. Neste senso, nós somos uns continuadores, aínda que existe un contexto político diferente neste momento. Hai que seguir... Até que non consigamos os nosos obxectivos de liberación nacional, a nosa autodeterminación, teremos que continuar traballando.

Que pegada deixou o nacionalismo nestes 50 anos?
Deixou precisamente a autoorganización do pobo galego pois, por exemplo, nos tempos da República vemos que o nacionalismo galego non tiña organizacións sindicais nin culturais propias agás excepcións. Hoxe en día o pobo galego está organizado, non só politicamente, senón a nivel sindical, cultural... Isto representa, aliás, unha parte moi importante da sociedade galega. Teñamos en conta, por exemplo, a participación institucional. O PG, nun momento determinado, concorría ás eleccións con forzas políticas de ámbito estatal. Hoxe en día, o nacionalismo galego, tanto nas eleccións á Xunta como nas xerais do Estado, concorre con identidade propia. Neste senso houbo un avanzo importantísimo. Porén, aínda non están cumpridos os obxectivos e fica moito camiño por percorrer.

"As forzas políticas teñen que estar continuamente en reflexión e iso responde ao criterio da crítica e autocrítica que sempre lle compete facer, sobre todo, a unha forza política de esquerdas"

Que desafíos cre vostede que ten por diante o nacionalismo?
Os de sempre. Conseguir a liberdade nacional, tirar o país da dependencia colonial que vén sufrindo desde séculos atrás. Estes son os retos de sempre, os propios de Galiza que nalgúns aspectos son coincidentes cos desafíos que teñen outras nacións do Estado.

Como valora a confluencia nunha convocatoria conxunta de forzas nacionalistas como o Bloque, Causa Galiza e Nós-UP para o domingo 3 de marzo?
É importante que haxa unidade na reivindicación dos nosos dereitos nacionais. Valóroo como algo moi positivo.

Que perspectivas ten vostede para a Asemblea nacional que desenvolverá o Bloque o vindeiro día 17?

Perspectivas non teño ningunha. As forzas políticas teñen que estar continuamente en reflexión e iso responde ao criterio da crítica e autocrítica que sempre lle compete facer, sobre todo, a unha forza política de esquerdas. Neste senso, significa corrixir erros que se cometeron e tentar suprir as insuficiencias que se observaron na actuación política diaria e de aí tirar conclusións para afrontar o futuro con maior forza e maior decisión.

Ese futuro debe contar co papel protagonista da xente moza, como ve a mocidade nacionalista en Galiza?
É unha esperanza malia a ser sector minoritario dentro da mocidade, desgrazadamente. Mais son os que teñen que apañar o relevo na loita política en defensa do noso país. Aí efectivamente hai unha mocidade moi comprometida no momento actual e esa é a mellor garantía de que a loita non vai morrer con aqueles que viñemos loitando polos mesmos obxectivos desde hai moito tempo.

Comentarios