O grupo interno Bases de Podemos Galiza, que apoiou formalmente a candidatura de Breogán Riobóo á Secretaría Xeral do partido no país, denunciou através as "pexas" que estaría a facer, din, a deputada e tamén candidata Ángela Rodríguez no marco do proceso de primarias.
Refírense á visita do número dous de Podemos, Íñigo Errejón, que fixo parte dun acto organizado por Marea Pontevedra o sábado 12 de marzo. Através das redes sociais denuncian con capturas de pantalla que Ángela Rodríguez se identificaba días atrás (4 de marzo) como a persoa que "estaba tentando organizar" o devandito acto, segundo recolle a axencia de noticias Europa Press.
Neste senso, critican que após pedir "imparcialidade" Rodríguez e de asegurar que non se trataría dunha xornada que "xirase" arredor de Errejón, finalmente non teña sido así.
"En que quedamos, Pam? Esta é a coherencia de alguén que pretende representar os intereses de todos os galegos. Por unhas primarias xustas!", sinala a mensaxe difundida por Bases de Podemos.
Así as cousas, o proceso electoral interno non comeza até esta terza feira (15 de marzo) momento no que se iniciará a recollida de avais para presentar formalmente as candidaturas.
Pola súa banda, Bases de Podemos acordaron apoiar a do ex-secretario xeral, Breogán Riobóo. Até o momento anunciaron que se candidatarán, para alén de Rodríguez e Riobóo, a investigadora viguesa do CSIC, Susana Santos Queiruga.