A participación é máis alta no conxunto do estado

100 mil militantes? O PPdeG apenas mobiliza 4 mil para votar no congreso estatal

Apenas 4.222 militantes do PP terán dereito a votar nas primarias do 5 de xullo para elixir o sucesor de Raxoi. Só 4,17 por cento da suposta afiliación do partido na Galiza decidiu inscribirse no censo para participar na primeira rolda do congreso. É unha percentaxe inferior á que se rexista no conxunto do estado, 7,6 por cento de promedio.

Feijóo con Baltar (Foto: PPdeG)
photo_camera Feijóo con Baltar jr nun acto do PPdeG

As cifras de inscrición para votar en urna o sucesor de Raxoi o próximo 5 de xullo poñen en evidencia que os censos oficiais do partido conservador (101.100 na Galiza, 869.535 en España) están inflados. Na Galiza só se inscribiron para participar nas primarias 4.222 persoas (4,7 por cento do censo oficial). No Estado fixérono 66.384 (7,6 por cento do total de 869.535).

Non é verosímil que só 4,7 por cento dos militantes do PPdeG teñan as cotas ao día, polo que cabe inferir que a afiliación real do partido conservador na Galiza é bastante inferior do que a formación habitualmente pregoa.

Hai, iso si, un factor que explica a menor mobilización das bases do PPdeG a respeito das do estado: a incomparecencia de Feixóo na carreira sucesoria. En realidade, Feixóo non está tan interesado no 5X -o día en que vota toda a afiliación- como no 21X -o día en que exercen as compromisarias no Congreso, sempre e cando a militancia non resolva o asunto na primeira das votacións.

O PPdeG resérvase precisamente para ese momento, para votar en bloque -con consigna dirixida desde Monte Pío- a unha das dúas opcións que superen a primeira peneira, a do 5X.

A votación aberta á militancia só sería decisoria se algunha candidatura obtivese máis de 50 por cento dos votos, superase a segunda opción no mínimo en 15 pontos ou conseguise a vitoria na metade das circunscricións. Este escenario -dada a bipolarización entre Sáenz de Santamaría e María Dolores de Cospedal e a emerxencia de Pablo Casado- non é o máis probábel. Destarte, sería a votación das compromisarias a que determinaría o novo liderado do partido. E aí Feixóo quer facer valer o feito de que Galiza ten 10 por cento das delegadas do congreso.

Comentarios