Amplo apoio das bases do BNG a concorrer ás eleccións europeas en coalición con ERC e Bildu. Máis de 90% da militancia, informa o Bloque a través dun comunicado, deu luz verde a esta candidatura conxunta para os comicios de maio tras un proceso de debate nas asembleas locais.
Após esta decisión da militancia, este sábado o Consello Nacional, máximo órgano de dirección entre asembleas, asumirá e ratificará a opinión manifestada polas bases. A dirección do Bloque destaca que, tendo en conta a circunscrición electoral estatal, está candidatura conxunta representa unha garantía real de defensa do pobo galego na Eurocámara “sen condicionamentos alleos”
O Bloque desenvolverá a súa propia campaña, co seu programa específico e con candidatos propios “en función exclusiva dos intereses de Galiza
Como explicaba a dirección da fronte nacionalista na proposta de resolución remitida á militancia, trátase dunha coalición “de carácter instrumental”, polo que o Bloque desenvolverá a súa propia campaña, co seu programa específico e con candidatos propios “en función exclusiva dos intereses de Galiza”.
Ademais, engade, recolle as bases políticas que fundamentan a candidatura impulsada polo BNG: defensa de Galiza como nación, do dereito de pobo galego a decidir e da súa soberanía política, defensa dos intereses do país, da súa capacidade produtiva, de xeración de riqueza e emprego digno na terra. Aliás, combate "o modelo ultraliberal da Unión Europea" e defende os principios democráticos, da soberanía e independencia dos pobos.