venres 25/09/20

As bases do BNG aproban a candidatura conxunta con ERC e Bildu para as eleccións Europeas

A proposta tivo o apoio nas asembleas de máis de 90% da militancia. O Consello Nacional referendará esta decisión das bases na reunión deste sábado.

Imaxe de arquivo dunha asemblea local do BNG
Imaxe de arquivo dunha asemblea local do BNG

Amplo apoio das bases do BNG a concorrer ás eleccións europeas en coalición con ERC e Bildu. Máis de 90% da militancia, informa o Bloque a través dun comunicado, deu luz verde a esta candidatura conxunta para os comicios de maio tras un proceso de debate nas asembleas locais.

Após esta decisión da militancia, este sábado o Consello Nacional, máximo órgano de dirección entre asembleas, asumirá e ratificará a opinión manifestada polas bases. A dirección do Bloque destaca que, tendo en conta a circunscrición electoral estatal, está candidatura conxunta representa unha garantía real de defensa do pobo galego na Eurocámara “sen condicionamentos alleos”

O Bloque desenvolverá a súa propia campaña, co seu programa específico e con candidatos propios “en función exclusiva dos intereses de Galiza

Como explicaba a dirección da fronte nacionalista na proposta de resolución remitida á militancia, trátase dunha coalición “de carácter instrumental”, polo que o Bloque desenvolverá a súa propia campaña, co seu programa específico e con candidatos propios “en función exclusiva dos intereses de Galiza”.

Ademais, engade, recolle as bases políticas que fundamentan a candidatura impulsada polo BNG: defensa de Galiza como nación, do dereito de pobo galego a decidir e da súa soberanía política, defensa dos intereses do país, da súa capacidade produtiva, de xeración de riqueza e emprego digno na terra.  Aliás, combate "o modelo ultraliberal da Unión Europea" e defende os principios democráticos, da soberanía e independencia dos pobos. 

comentarios