Instalacións abandonadas postas en valor

Barro, a aposta na recuperación dos espazos públicos

O concello pontevedrés de Barro amosouse nos últimos tempos como un exemplo vivo e concreto de como un goberno local pode aproveitar e dotar dunha segunda vida a espazos públicos abandonados a súa sorte. Tras 32 anos cun goberno popular, nas mans de Landín Eirín, o BNG logrou a alcaldía nas pasadas eleccións municipais o que propiciou a chegada de Xosé Manuel Fernández Abraldes ao Concello. Agora, dous anos despois do cambio, as novas políticas sociais e culturais do goberno local comezan a dar os seus froitos.

Nave da Música 1
photo_camera A Nave da Música, ateigada de público durante unha actuación

Após o traslado das oficinas municipais á nova casa consistorial (situada a escasos metros da antiga, no centro de San Antoniño), o vello concello mudou ao silencio. Así estivo ano e medio, coas fiestras baixadas e as portas pechadas. Un edificio abandonado morre, e era algo que o rexedor local “non se podían permitir”, tal como se sinalou no seu día. Foi a principios do ano pasado cando se fixo público o anuncio da reforma estética deste espazo, ben como a intención de o ceder para uso e desfrute dos veciños. Barro carecía até agora dun centro cívico como tal, polo que unha localización destinada a acoller reunións de colectivos e asociacións, celebrar exposicións ou calquera outro evento de ocio ou cultura, era unha débeda cos seus veciños.

O verán pasado -após a renovación das fiestras de todo o edificio, o puído do chan, o baleirado de vellos móbeis e a adaptación dos baños ao século XXI- a antiga casa consistorial de Barro volveu nacer como un edificio para a veciñanza do municipio. Agora, un ano despois, as súas instalacións xa son un punto de referencia na comarca, cargadas de actividades de todo tipo. Un espazo de lecer e xogos para as persoas da terceira idade, e que alberga o son dos obradoiros de pandeiretas que se fan no seu interior. Diferentes asociacións culturais celebran aquí as súas reunións nas plantas altas do edificio, e está aberto a presentacións de todo tipo.

Antigo Concello 2“Non podiamos deixar que un edificio así fose comido pola humidade”, lembra o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes. “Agora a xente de Barro xa sabe que ten un punto, no centro de San Antoniño ao que poder ir. O certo e que estamos recibindo moitas actividades e esperamos poder ir ofrecendo moitas máis”. O proxecto de reforma destacou por contar cun presuposto realmente baixo para os beneficios que trouxo, derivado da rápida intervención do goberno local no seu conxunto.

Por outra banda, o Concello logrou que a antiga escola taller sexa hoxe un dos espazos con máis vida de todo o municipio. A Nave da Música é froito do empeño pola cultura que se mostra en todo Barro. Sen un uso concreto, as súas habitacións eran perfectamente viábeis para unha nova vida, e así se fixo. A Banda de Música Xuvenil de Barrio atopou o escenario perfecto onde poder levar a cabo os seus proxectos, e dun concerto ao ano que tiña lugar no edificio pasou a se converter nun local de ensaio para encher de notas e acordes o ambiente. Tamén de baile. O Grupo de Danzas Folclóricas Amor Ruibal ensaia dentro deste espazo. Nada en 1983, a agrupación realiza un recoñocido labor polo fomento da música tradicional galega, o seu canto e o seu baile.

Ao igual do que a vella casa consistorial, a Nave da Música acolle diferentes eventos todo o ano e está moi presente na vida local. Presenta un aspecto colorista e moderno, o que contrasta coas diversas casas de cultura levantadas ao longo do rural galego e que en moitos casos se atopan agora sen un uso propio, ou con só un par de actuacións ao longo do ano. 

“A recuperación de espazos é unha ferramenta a ter en conta para todo”, explica Abraldes. “Outro exemplo práctico que temos levado a cabo dende o Concello é a renovación de parques infantís esquecidos. Non tes por que facer un novo habendo vellos por arranxar”.

O concello de Barro é unha das zonas que máis movemento cultural está a xerar nos últimos anos. Certames de cine, pintura, festivais de bandas escolares, corais... O cambio político axudou a dinamizar todas estas actividades, xunto coa chegada de novos veciños que vén en San Antoniño e outras parroquias da zona unha forma viábel de vivir no rural pero seguir tendo a man a cidade do Lérez (limítrofes, a viaxe dende o centro de Pontevedra ao de Barro apenas chega aos quince minutos).

Comentarios