Barreiro insiste nos plans do PP de introducir reformas na lei electoral

O líder dos populares en Lugo achaca ao sistema que non gobernen na Deputación e na Alcaldía de Lugo nunha entrevista concedida á Cadena Ser.

barreiro-crop
photo_camera Xosé Manuel Barreiro


Reformar a lei electoral para que goberne a candidatura máis votada. O presidente do PP de Lugo e voceiro dos populares no Senado, Xosé Manuel Barreiro, insistiu de novo este domingo na necesidade de mudar o sistema actual, rexido pola lei d’Hondt, nunha entrevista concedida á Cadena Ser.

Un argumentario que diferentes representantes populares repiten dende hai meses, ante a perspectiva de perder decenas de concellos nos próximos comicios municipais. Barreiro achacou á lei electoral sendas derrotas no pasado pola Deputación e a Alcaldía de Lugo malia “conseguir os mellores resultados” nas sete cidades galegas.

“Só os grandes partidos, e o PP en particular, poden asegurar a estabilidade do país”, dixo en relación as novas candidaturas cidadás.

“Superamos na provincia en máis de 3.000 votos a PSOE e BNG xuntos”, dixo, preguntado polo fragmentado escenario político que se presenta. “Só os grandes partidos, e o PP en particular, poden asegurar a estabilidade do país”, dixo en resposta ao auxe de candidaturas cidadás como as Mareas.

Non se descarta como sucesor de Feijoo

Sobre a continuidade de Alberto Núñez Feijóo como candidato á Xunta en 2016, o líder dos populares de Lugo mostrouse esquivo. “Creo que Feijóo é un gran presidente e desexo que siga ao fronte. Mais dependera da súa decisión”, dixo Barreiro, que non se descartou como hipotético sucesor.

“As miñas aspiracións políticas están máis que cumpridas”, asegurou, para logo matizar que “non garanto nada, agás que volverei cando remate a miña carreira política ao meu posto na Universidade de Compostela”. 

Apostou ademais da reforma da lei electoral por introducir axustes no Senado español, do que é voceiro da maioría popular. “É necesaria unha reforma, o que non cuestiona o traballo da cámara”, manifestou. 

 

 

Comentarios