Barómetro CIS: Suba do BNG nunhas eleccións estatais que gañaría o PSOE

O nacionalismo galego obtería 0,8% dos apoios fronte ao 0,5% dos comicios españois de 10 de novembro. PSOE sacaría 13 puntos ao PP e Unidas Podemos melloraría resultados.

Votacións 10N. Eleccións estatais. BNG (13)
photo_camera Votacións 10N. Eleccións estatais.

Novo barómetro do CIS, o Centro de Investigacións Sociolóxicas. Publicado esta segunda feira, a enquisa, feira entre 9 e 19 de xullo, aponta a un aumento do apoio nas urnas ao nacionalismo galego de haber agora cita electoral. É só un dos datos que se extraen deste traballo, que deixa tamén unha importante suba do PSOE sacaría 13 puntos de diferenza ao PP) e un Unidas Podemos que mellora posicións.

O barómetro indica que BNG obtería 0,8% dos apoios a nivel estatal de haber agora uns comicios ao Congreso español. Un resultado que mellora o que lle outorgaba o barómetro anterior (0,7), así como o de xuño (0,6%).  

Un resultado, ademais, superior ao obtido polo Bloque nas eleccións estatais do 10 de novembro (0,5%) e que deu aos nacionalistas a recuperación da presenza no Congreso español a través de Néstor Rego.

A estimación do voto para o PSOE é de 32,4%, fronte ao 28% que atinxiu o 10N. Unidas Podemos logra 12,6% e recuperaría posición como terceiro grupo do Congreso pois Vox cae, segundo esta enquisa, ao 12,3% (3 puntos menos que en novembro se ben melloran décimos a respecto do barómetro anterior).

ERC sería primeira forza en Catalunya, con 2,8% dos apoios a nivel estatal fronte a un Junts per Catalunya que obterían 1,3% e CUP 0,5%.

En Euskadi, as dúas principais forzas (PNV e EH  Bildu) empatan no 1%.

Comentarios