Bárcenas pagou en negro á cúpula do PP durante 2 décadas con diñeiro de construtores

O diario "El Mundo" publica hoxe unha información segundo a cal o ex tesoureiro do Partido Popular Luis Bárcenas tería pagado en negro a membros da cúpula da formación conservadora con diñeiro procedente de comisións ilegais. Rajoy coñecía a situación, mais nunca a denunciou.

Durante dúas décadas, funcionarios e dirixentes do Partido Popular recibiron pagos mensais en negro, en concreto, entre os 5.000 e os 15.000 euros.

Estas prácticas -pretensamente instauradas por Bárcenas, o eixo do chamado caso Gurtel- foron estabelecidas no Partido Popular durante a presidencia de Manuel Fraga e continuaron igual durante o período de Aznar como chefe da dereita.

O diñeiro procedía de comisións ilegais achegadas ao Partido Popular por construtores que se beneficiaron de concursos públicos ou de obras realizadas nas sedes da formación conservadora.

Segundo El Mundo, Rajoy, durante o seu período como secretario xeral do Partido, coñeceu este sistema de pagamentos a funcionarios e dirixentes, e non o denunciou.

Si tomou medidas para pór fin aos pagamentos en negro unha vez que a imprensa comezou a publicar informacións sobre o Gurtel e a implicación neste caso de Bárcenas.

De se confirmar esta información estariamos ante delitos graves contra a Facenda pública.

Comentarios