Bárcenas di que o PP tiña unha contabilidade B "en todas as provincias"

O ex-tesoureiro asegura que os sucesivos presidentes e secretarios xerais da formación política coñecían a existencia destas fontes de financiamento ilegal que se extendían, sinalou, "por todas as provincias e rexións". 

Contas de Bárcenas publicadas por El País
photo_camera Contas de Bárcenas publicadas por El País

Luís Bárcenas declarou esta quinta feira perante o xuíz da Audiencia Nacional española, Pablo Ruz, instrutor do proceso xudicial que investiga o financiamento ilegal no Partido Popular.

O ex-tesoureiro asegurou na súa declaración que as 'caixas B' através das que a formación política financiaba campañas electorais existían en "todas as provincias e rexións". Aliás, afirmou que os sucesivos presidentes do PP --Fraga, Aznar e Rajoy-- coñecían estes sistemas de financiamento irregular de igual maneira que os secretarios xerais. 

Caixas en 'B' espalladas por todo o Estado

Bárcenas continúa así tirando da manta e sacando á luz o que, supostamente, é o maior escándalo de corrupción que salfire as filas do PP. E é que, para alén doutros en que se viu inmersa a organización que sustenta o goberno español --e a maior parte dos territorios do Estado-- tería desenvolvido durante máis de 20 anos unha rede de financiamento ilegal que fornecía de fondos as campañas electorais, actos e mesmo salarios d@s líderes do partido. 

Na súa intervención perante o xuíz maxistrado da Audiencia Nacional española, Bárcenas reiterou as súas anteriores declaracións. Confirmou a veracidade das anotacións tomadas a man durante a súa responsabilidade como tesoureiro e os pagamentos en B a, entre outros, o propio presidente do executivo e tamén do partido, Mariano Rajoy. 

Na súa declaración Bárcenas chegou a nomear de maneira explícita a Álvarez Cascos e Miguel Ángel Acebes. Os que foron secretarios xerais do PP terían actuado a modo de "supervisores" de todo o entramado de financiamento ilegal sinalándoos directamente como parte do sonado caso Naseiro. 

Comentarios