28-M

A Barcala, Compostela e O Sar: Tres comarcas que resumen un país

As comarcas de Compostela, O Sar e A Barcala suman 12 concellos e 196.000 habitantes, 7,5% da poboación galega. Nos seus 1.079 quilómetros cadrados de extensión hai desde un potente sector metalúrxico até unha forte industria láctea, pasando por uns servizos en constante evolución ou unha economía turística con cada vez maior presenza. Hai concellos coa maior proporción de xente nova da Galiza e municipios afectados polo avellentamento e o despoboamento. E todos miran ao 28 de maio.
comartca

Este foi un mandato exixente como poucos para os concellos. A pandemia da Covid e a actual crise de prezos obrigan os Gobernos locais a seren primeira barreira de actuación. As comarcas de Compostela, A Barcala e O Sar, como as do resto da Galiza, atravesaron catro anos convulsos, entre pandemia e escalada de prezos. 

Cada unha destas comarcas ten a súa propia dinámica, mais hai problemas comúns —deficiencias en sanidade ou dependencia, expansión eólica ou problemas de transporte, entre outras— que partillan as tres. Ademais, están atravesadas por tramos dalgún dos Camiños de Santiago, co que isto significa en canto a situar o turismo xa como unha peza máis das súas economías.

A comarca de Compostela é a segunda da Galiza (das 53 comarcas oficiais determinadas pola Xunta) en ránking de renda por habitante: 17.457 euros. A comarca do Sar figura no posto 22, con 13.172 euros e a da Barcala, con 12.476 euros, está no posto número 35 de 53. 

A de Compostela, nucleada ao redor da capital da Galiza, ten no sector servizos a súa especialización laboral, mentres que a da Barcala, con Negreira como centro, tena no sector primario e O Sar, con Padrón como epicentro comarcal, na metalurxia. As diferenzas tamén se notan na pirámide de poboación. As persoas menores de 15 anos representan case 15% da poboación da comarca compostelá mentres que nas do Sar e Barcala apenas están en 10%. Pola contra, as persoas de máis de 65 anos supoñen 30% da veciñanza da comarca barcalesa e 27% da do Sar, mentres que na de Compostela fican en 20%, en boa medida polo dinamismo natalicio de concellos da contorna da capital galega como Teo e, nomeadamente, Ames.

O propio Instituto Galego de Estatística (IGE), nas súas proxeccións de poboación para 2037, apunta dúas tendencias ben diferentes: A Barcala e O Sar perderán nestes anos ao redor de 14% da súa poboación, mentres  a comarca de Compostela gañaría 5,8%. Paradoxalmente, estas tendencias diferentes únense nun punto: a denuncia das carencias dos servizos competencia da Xunta que deberían dar resposta ás necesidades dunha poboación nova, por unha parte; ou dunha poboación avellentada, por outra.

Así, ao longo deste mandato houbo protestas e mobilizacións en concellos destas comarcas como A Baña, Val do Dubra, Negreira ou Ames para exixir unha atención pediátrica "digna e continuada". Ao tempo, os problemas de agarda en dependencia ou a falla de prazas públicas en residencias figuran entre as preocupacións nos concellos máis avellentados.

Máis vacas que funcionariado

Unha característica propia de Compostela a respecto do resto da Galiza é o alto peso do persoal público. O IGE identifica por volta de 15.000 empregadas e empregados públicos en Compostela, cunha destacada presenza de persoal do Sergas, seguida da Xunta, a Universidade, o persoal de Educación, de Concellos, ou de empresas públicas estatais como Aena, Renfe ou Correos. Mais, e contra o que poida parecer, nesta comarca hai aínda máis cabezas de gando bovino: 20.696. Un número que vén do peso da gandaría en moitos concellos desta área, sector que tamén existe na Barcala —248 explotacións e case 10.000 vacas— e no Sar, con 5.500 cabezas de bovino e máis dun cento de explotacións.

Mais son tamén estas unhas comarcas con peso significativo da industria, con exemplos como é o caso de Finsa na de Compostela, Clun en Negreira e Cortizo no Sar. O turismo xa non é un factor determinante só na economía de Santiago de Compostela, senón que se estende ao resto de municipios. Entre as tres comarcas superan as mil vivendas turísticas rexistradas e menos da metade delas están na capital galega.

Mapa político con Compostela protagonista

Ás eleccións do 28-M concorrerán 53 candidaturas nos 12 concellos destas tres comarcas. Tan só o PP e o BNG presentarán listas en todos eles. O PSdeG vai concorrer en 11 —non se presenta en Boqueixón— e as listas impulsadas por mareas veciñais, Podemos ou Anova van estar en oito concellos. O Partido Galego vai estar presente en dous municipios, igual que Vox e Espazo Común, a formación impulsada polo ex secretario xeral do PSdeG Pachi Vázquez e que se nutre en Ames e Teo de ex edís socialistas. Tamén as desavinzas e conflitos no PP neste mandato levaron a que en varios concellos haxa listas de ex representantes e cargos populares, como Xente de Dodro no concello dese nome, Por e Para Santiago na capital galega, ou mesmo Vox en Santiago, liderado por Fernando Mayo, ex rival de Borja Verea -alcaldábel do PP- nas primarias para liderar a candidatura dos populares á Alcaldía.

Santiago é a principal praza nestas comarcas o 28-M, unha cidade determinante tamén para a composición da Deputación da Coruña. Enquisas indican que todo pode depender na capital duns poucos votos, cun PSdeG á baixa e un PP ao que lle pode pasar factura a presenza de competidores pola dereita. Un BNG á alza pode ser a peza determinante.

Os alcaldes apelan a unha maior colaboración comarcal

Teo, Padrón e Negreira son tres concellos que partillan o non superar os 20.000 habitantes e ter que atender un territorio extenso e con non poucos núcleos habitados, co impacto que ten no custo dos servizos. Os rexedores apelan a unha maor colaboración. O de Teo, Fara Sisto, en concreto, manifesta "a título persoal" ser partidario da fusión de concellos. "Santiago de Compostela, Teo e Ames deberían ser o mesmo concello xa desde hai tempo, perdeuse moito tempo", apunta. O rexedor teense deixa a Alcaldía após oito anos no cargo ao non optar á reelección.

Todos os alcaldes coinciden na necesidade, tamén, de desenvolver actuacións que permitan abaratar o custo dos servizos e permitir novas actuacións en campos como o emprego e o desenvolvemento económico da zona.

Ángel Leis logrou a Alcaldía en 2019 para o PSdeG por só unha marxe de catro votos sobre o PP. No mandato anterior fora tenente de alcalde do tamén socialista Jorge Tuñas (que dimitiu por se "apropiar" de 18 móbiles que eran do Concello).

Comentarios