Barómetro do CIS

Bará denuncia o CIS por silenciar o crecemento do BNG

O novo barómetro do CIS volve invisibilizar os datos electorais referentes o BNG considerándoos dentro do epígrafe “outros”. A pesar de que o CIS ten en conta os datos das forzas representativas, con ou sen presenza nas Cortes, o BNG non figura desagregado mentres si o fan os datos correspondentes a Galiza do PACMA e Vox.

Luís Bará en rolda de prensa
photo_camera Luís Bará en rolda de prensa

O barómetro electoral publicado o pasado 3 de xullo polo Centro de Investigacións Sociolóxicas volve omitir información sobre intención e estimación de voto dunha parte importante das galegas e galegos ao non identificar os datos referentes ao BNG.

O deputado nacionalista Luís Bará volveu pedir ao CIS que faga públicos os datos correspondentes á categoría “outros” na parte do barómetro que corresponde a Galiza. É precisamente nesa epígrafe onde se incorporan os datos do Bloque mesturados con outras forzas, o que impide coñecer exactamente a estimación de voto para o nacionalismo.

Desta maneira, o BNG solicita por segunda vez consecutiva ao director do CIS, José Felix Tezanos, que publique os datos. A anterior demanda realizouse en relación ao barómetro publicado o pasado 9 de abril, en vésperas das eleccións xerais do día 28 do mesmo mes, considerando que a invisibilización dos datos do BNG, situándoos tamén en outros, podían condicionar o sentido do voto.

O BNG solicita por segunda vez consecutiva ao director do CIS, José Felix Tezanos, que publique os datos

En abril o Bloque remitiu unha solicitude por escrito dirixida a Tezanos apelando aos propios obxectivos da institución, salientando o principio de “afondar no coñecemento dos comportamentos da sociedade española en canto a opinións e actitudes políticas”, cuestión que resaltaron para pór en evidencia a necesidade de debullar de maneira precisa a información da maneira máis ampla posíbel en aras da transparencia.

Desde a fronte nacionalista sinalan que daquela o CIS respostara que tomaría en conta a demanda do BNG. Porén, o novo barómetro publicado en xullo e referente aos datos recollidos en xuño, segue invisibilizando os resultados da formación nacionalista, que volve remitir un escrito de reclamación.

Esixen por escrito a Trezanos a publicación do datos do BNG

“Este proceder supón unha falta de respecto e unha ocultación dos datos de apoio electoral dunha forza política que é un actor político principal na Galiza, por iso volvemos pedir a publicación dos datos desagregados por cuestións de transparencia e pola influencia que ten esta información”, explicou en rolda de prensa o deputado nacionalista Luís Bará.

Para o parlamentario pontevedrés, a eiva na desagregación “silencia, oculta e invisibiliza o importante incremento do voto ao BNG”, xa que no epígrafe de outros partidos o barómetro de febreiro daba unha intención directa de voto do 2,6%, en marzo do 2,5% e neste último de xuño o 5,7%, “un dato moi relevante que non se pode ocultar, que non se pode agochar e que confirma a tendencia á alza do Bloque”, subliña Bará.

A conclusión é clara para Luís Bará: “O BNG ten un importante incremento no voto directo confirmando a súa tendencia á alza"

A conclusión é clara para Luís Bará: “O BNG ten un importante incremento no voto directo confirmando a súa tendencia á alza, que mesmo lle permitiría obter representación en Madrid de celebrarse hoxe eleccións xerais, pero é unha información que queda oculta pola maneira que ten o CIS de presentar os datos”, sentenciou.

A pesar de que o CIS xustificou que a desagregación dos datos faise con aquelas forzas que ou ben teñen representación no Congreso ou ben son forzas representativas no territorio analizado, excluíu o BNG mentres si desagregou os datos correspondentes a Galiza do PACMA, ao que lle outorga o 1% de intención directa de voto. Tamén diferencia os datos a VOX, irrelevante na Galiza, cun 1,5% de intención directa de voto, polo que Bará considera “inxustificábel” que non desagregue os datos do Bloque.

Comentarios