REXEITAMENTO A SER "UNHA SECCIóN" DUN GRUPO ESTATAL

O Banquete de Conxo aposta nunha candidatura unitaria galega "propia"

Unha candidatura “propia” e non “unha sección” dun grupo estatal, como Podemos. O Banquete de Conxo 2.0, no que participan máis de 300 persoas, segue a perfilar as bases para crear unha candidatura galega unitaria.

Banquete de Conxo
photo_camera Banquete de Conxo

Aínda que os grupos de traballo non concluíron a estas horas, todo apunta a que do Banquete de Conxo 2.0 sairá a necesidade de constituír unha candidatura galega unitaria, que non sexa “unha sección” de ningún grupo político estatal. Así o avanzou esta mañá aos medios o xornalista Xosé Manuel Pereiro, un dos membros da comisión promotora desta xuntanza na que participan de maneira activa máis de 300 persoas.

Nas súas declaracións, Pereiro, avogou por unha candidatura que “represente en Madrid os intereses de Galiza” e por que sexan os parlamentares galegos e galegas quen decidan “que votar”, na idea de non responder perante un grupo parlamentar alleo, senón perante as persoas que os e as votaron. Isto non admitía a inclusión de Podemos.

Intervencións en defensa dun grupo parlamentar galego propio

No transcurso da xornada, o escritor Suso de Toro tomou a palabra para salientar que “hoxe é un día histórico”, co claro obxectivo da “construción nacional”. O intelectual, que avogou pola rebelión ante as dinámicas que destrúen o país, reivindicou que “é tempo de refundación da nación”.

O membro do Consello Nacional do BNG Francisco Rodríguez, que apostou nunha “tendencia nacionalista” nos e nas representantes do posíbel grupo parlamentar, salientou na súa intervención que Podemos “só permite unha sección rexional” no Congreso, en tanto que Néstor Rego, da Executiva Nacional da formación frentista, expresou o apoio do Bloque á conformación dunha candidatura galega de unidade que resulte "na constitución dun grupo parlamentar soberano". Rego expresou o desexo de que esa lista ao Congreso sexa o produto dun "proceso social" o máis participativo posíbel.

Por súa parte, Suso Seixo, secretario xeral da CIG, desbotou a posibilidade dunha candidatura galega dentro dun grupo estatal, “Podemos autoexclúese”, salientou o sindicalista, quen emprazou outras forzas estatais que “xogan á ambigüidade” a se clarificar.

Na mesma liña, Mario López Rico, un dos responsábeis de Cerna, advertiu de que existe a necesidade de crear un ente común para defender os intereses de Galiza en Madrid. Tamén falou desta necesidade Xosé Antón Pérez Lema, de Compromiso por Galicia, quen equiparou unha candidatura “de país” cunha candidatura “cidadá”.

Gonzalo Rodíguez quere que os partidos, tamén Podemos, participen "en igualdade de condicións"

Pola súa banda, Gonzalo Rodríguez, organizador do Encontro galego por unha marea galega que tivo lugar onte, avogou por unha candidatura “coas portas abertas á confluencia”. Como xa apuntara o día de onte en referencia a Podemos, insistiu en que as mareas, a cidadanía e os partidos deben participar “como iguais”.

Tras a comida, as persoas participantes, entre as que se atopan, a título individual, militantes do BNG, de Cerna, de Compromiso por Galicia ou de Agora Galiza e membros da plataforma Somos Nós, amais de persoas sen afiliación ningunha, reuníronse en comisión de debate e, arestora, están levando ao papel as principais conclusións.

Comentarios