Un Banquete de Conxo para a candidatura galega

A comisión promotora do 25-X convoca un encontro á fin de construír "un movemento cívico de sensibilidades plurais que teña como fin inmediato" unha candidatura galega ás Cortes españolas. 

pepebarro3

"Non imos agardar máis". Así intitula a comisión cidadá promotora da manifestación do Día da Patria galega o chamamento lanzado esta quinta feira (6 de agosto) co que convocan un Banquete de Conxo 2.0.

Coa ollada posta no 2 de marzo de 1856, convidan os movementos sociais, políticos, sindicais e persoas individuais que nas últimas datas se posicionaron a favor da concorrencia nunha candidatura galega ás eleccións españolas, para facer parte dunha xornada conxunta que teña como "fin inmediato" o artellamento dun "movemento cívico de sensibilidades plurais" encamiñado a construír a devandita candidatura. 

"Unha candidatura que non teña ningún tipo de dependencia nin obediencia alleas aos intereses da Nación Galega e que mesmo sirva para alentar a construción dun suxeito político que constitúa unha alternativa á inanidade e a desafección que desgoberna Galiza", salientan. "Un movemento que non se deteña no aspecto electoral, senón que paralela e posteriormente posibilite unha correntada de conciencia colectiva que o acompañe e o sustente, que poida abrir a porta a novas solucións para a xestión soberana do noso futuro colectivo", acrecentan. 

No albo, o desenvolvemento de "reunións" e "asembleas" en distintos puntos e ámbitos do país que permitan superar os debates virtuais para facelo, din, "en rúas e prazas". 

"Falar é bo. Xuntarse é necesario. Organizarse é imprescindible", conclúen. 

O acto terá lugar en Conxo, no mesmo lugar que en 1856, ás 12h o 23 de agosto. 

Comentarios