Baltar sostén que é "mellor" apoiar Jácome como alcalde que "a vía do PSOE"

Jácome recorre á cuestión de confianza ao non ter apoios para o seu modificado de crédito. O alcalde de Ourense convoca un pleno para o día 14 no que é pouco probábel que xurda unha moción de censura cos apoios suficientes para apealo do cargo, pois de feito o presidente do PP provincial, Manuel Baltar, recoñeceu conversas para apoialo.
Manuel Baltar, presidente da deputación ourensá (Foto: Deputación de Ourense)
photo_camera O tamén presidente da Deputación ourensá, Manuel Baltar. (Foto: Deputación de Ourense)

O presidente do PP ourensán, así como da Deputación, Manuel Baltar, vén de confirmar o que avanzaba hai unhas semanas o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá): existen conversas cos populares para retomar o apoio entre as formacións. Esta información transcende no mesmo día que o rexedor convocou un pleno municipal para someterse a unha cuestión de confianza.

Baltar explicou que o Partido Popular ten "gana de dar estabilidade" á terceira cidade galega en número de habitantes, polo que existen "conversas" para apoiar Pérez Jácome ou reactivar o pacto de goberno que rachou en setembro de 2020.

Para o líder popular, o representante de Democracia Ourensá é "moitísimo mellor" alcalde que "a posibilidade que plantexaba o presunto líder do PSOE", aludindo así a Rafael Villarino.

"Non son negacións, son sensacións e ganas de dar estabilidade ao Concello", incidiu.

Nesta liña deu por fechada a vía da moción de censura, que volveu abrir nesta cuarta feira Pérez Jácome ao convocar un pleno para someterse a unha cuestión de confianza após non ser quen de ter apoios para sacar adiante o seu modificado de crédito para os orzamentos.

Esta confirmación por parte de Baltar coincide no tempo coa convocatoria dun pleno por parte do rexedor para someter o seu cargo a unha cuestión de confianza, o que semella un movemento orquestado co PP, após as declaracións do líder popular.

O seu cargo no aire?

Pérez Jácome dixo "someterse" a esa vía porque non puido aprobar a modificación de crédito de 62 millóns de euros para obras e servizos. O debate será na sesión plenaria do día 14, mais os populares xa rexeitaran asinar unha moción de censura co PSOE para botar ao alcalde se non se apartaba Rafael Villarino dos seus cargos, cousa que non sucedeu.

En calquera caso, a nivel administrativo, se a proposta non sae adiante a próxima semana, haberá un mes de prazo para propoñer alternativas mentres Pérez Jácome segue liderando o Consistorio pero "en funcións". No caso contrario, a súa estadía no cargo quedará ratificada.

Nesta cuarta feira o polémico representante de DO comezou a sesión falando do "pleno máis importante da historia do Concello de Ourense", polo que ampliou as quendas de palabras. No entanto, para o PSOE o valor é o do día 14 de xuño.

En realidade, no debate a situación seguiu co enfrontamento entre grupos tal e como viña sendo habitual na política local. Miguel Caride, antigo compañeiro de Gonzalo Pérez Jácome en Democracia Ourensá, e hoxe voceiro dos non adscritos puntualizou que o "histórico" era ter "78 millóns de euros sen executar".

Pola súa banda, o portavoz do BNG, Luís Seara, sinalou que o alcalde "é un trileiro que presenta unha proposta pechada e utiliza a chantaxe baixa o pedestal do autoritarismo", anunciando así o seu voto en contra.

No PP, Ana Morenza criticou os "escrititos de emendas" do Partido Socialista e insistiu en que o seu partido tería "altura de miras porque a prioridade é a xente", postulando que "non bloquearían a modificación".

Comentarios