Baltar purga o vicepresidente da Deputación fiel a Jácome

O presidente da Deputación de Ourense xustificou o cesamento "por perda de confianza" despois de que Ojea, afín ao alcalde de Ourense e líder de DO, Gonzalo Pérez Jácome, faltara ás dúas últimas xuntas de Goberno provinciais e votase en contra dos orzamentos.
Manuel Baltar (á dereita) nomea Miguel Caride vicepresidente (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Manuel Baltar (á dereita) nomea Miguel Caride vicepresidente (Imaxe: Europa Press)

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, formalizou a destitución de Armando Ojea como vicepresidente segundo da institución "por perda de confianza" e nomeou no seu lugar outro deputado de Democracia Ourensá (DO), Miguel Caride. 

Baltar xustificou esta segunda feira, 28 de setembro, a decisión "por perda de confianza" despois de que Ojea, afín ao alcalde de Ourense e líder de DO, Gonzalo Pérez Jácome, faltase ás dúas últimas xuntas de Goberno provinciais e logo de que votase en contra dos orzamentos que se levaron a aprobación do pleno a pasada sexta feira, e que saíron adiante co visto e prace do propio Caride e de Montserrat Lama (representante de Ciudadanos na Deputación, logo de anos nesta institución baixo as siglas do PP).

Ademais, Baltar advertiu de que o pacto de coalición entre PP e DO na institución "está absolutamente vixente" a pesar da ruptura de ambos os partidos no Concello de Ourense, onde catro dos sete edís do Goberno e pertencentes a Democracia Ourensá manteñen un pulso contra o seu propio alcalde e presidente de partido, Gonzalo Pérez Jácome, chegando a solicitar a súa expulsión do grupo municipal de DO.

Agora será Miguel Caride quen asuma a Vicepresidencia "con carácter provisional" e "mentres non se solucione a crise de Goberno en que está sumido o Concello de Ourense".

Debido a esta "provisionalidade", Caride renunciou "expresamente a percibir a asignación económica" e reiterou "lealdade e compromiso" cos pactos subscritos en xuño de 2019 por DO e o PP. Estes acordos foron os que permitiron a Jácome situarse na Alcaldía e a Baltar reter a Presidencia da Deputación, perante a histórica perda da maioría absoluta do PP nesta institución.

Na mesma liña, os críticos sinalaron de novo Jácome como "único responsábel" de querer romper a unión co PP. Pola súa banda, DO reaccionou acusando os edís díscolos de teren "todo pactado" co PP.

Reunión de PP, Cs e PSdeG

O PP e o PSdeG acudiron a unha xuntanza convocada por Ciudadanos para "buscar unha saída á situación de bloqueo" no Concello de Ourense. Os populares, que accederon a esta cita tras negarse a acudir hai dúas semanas a unha primeira organizada polo BNG e a unha segunda que tivo ocasión tras o último pleno, destacaron que a cidade "non pode ter como Goberno un alcalde e dous concelleiros", polo que "están dispostos a dialogar con todas as forzas políticas" para achar unha saída. 

Comentarios