Esta terza feira (3 de novembro) a Deputación de Ourense acollía unha sesión plenaria extraordinaria con motivo da denuncia que unha muller presentou contra o presidente provincial, José Manuel Baltar.
No pleno, as forzas da oposición exixirían explicacións ao líder provincial do PP e tamén a súa reprobación política por parte do hemiciclo. Porén, Baltar e o grupo do Partido Popular anunciaron a súa ausencia antes de dar comezo a sesión.
O PP de Ourense tildou de "lamentábel" a sesión e de "miserábeis" as forzas da oposición através dun comunicado que din non se prestarán a "facer política lixo". Aliás, coidan que as demais forzas políticas están a facer un "ataque de tipo persoal" contra Baltar, algo que, din, o PP "non ten intención de facer nunca" contra elas.
O grupo popular xustifica a súa ausencia asegurando que non se prestan a "facer política lixo"
Neste senso, reclaman, "educación, dignidade e respecto" do que "semella carece" quen "este desesperado intendo" por "xogar a ser xuíz".
Así, o pleno tivo que ser presidido polo deputado de maior idade, o socialista Vicente Gómez. Malia a ausencia do grupo maioritario e do seu líder os demais grupos (PSOE, BNG e Democracia Ourensana) defenderon a moción e exixiron a demisión de Baltar ao que Gonzalo Pérez Jácome definiu como "psicópata".
A reprobación proposta e aprobada polos grupos da oposición veu motivada pola denuncia que unha veciña de Ourense presentou contra o presidente da Deputación por lle ofrecer un posto de traballo na institución a cambio de manteren relacións sexuais nun luxoso hotel da cidade.
O PP de Ourense tilda de "lamentábel" , "ruín" e "miserábel" o pleno solicitado após coñecerse a denuncia
A muller achegou á Fiscalía gravacións nas que o líder do executivo provincial aseguraba ter capacidade para modificar puntuacións nos concursos públicos de selección de persoal, entre outras cuestións.
Ao longo dos últimos días BNG, AGE e PSdeG exixiron en diversas ocasións a demisión do presidente da Deputación de Ourense por "acoso sexual" e "prevaricación" ao tempo que reclamaron explicacións ao PP e o propio Baltar.
Porén, desde o partido o seu presidente e mandatario do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, non só deu respaldo ao dirixente provincial senón que acusou a denunciante de tentar facer delinquir a Baltar embora "non o conseguiu". "O que se pretendía por parte da denunciante non aconteceu", asegurou.